Escuchar

Calcinado por completo un camión nas Nogais

Un camión que transportaba paquetería ardeu por completo tras sufrir un incendio na A-6, á altura das Nogais. O seu condutor resultou ileso.

Os feitos tiveron lugar no quilómetro 434 da autovía, en dirección Madrid. Foi o propio camioneiro o que contactou co 112 Galicia ás 0:20 horas desta madrugada para explicar o que lle estaba a acontecer.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou decontado aos Bombeiros de Sarria, ao GES de Becerreá e á Garda Civil de Tráfico.

Os efectivos de emerxencia desprazados ata o lugar deron sufocado o lume contra as 3:30 horas desta noite.

Coche queimado
O lume tamén calcinou por completo un turismo, en Chantada. En concreto, o incendio rexistrouse en Saviña, na parroquia de Santiago de Arriba.

Ás 7:50 horas desta mañá, unha persoa particular chamou ao 112 para dar a voz de alarma. Segundo explicou, o condutor xa saíra do vehículo afectado.

Dende a central do 112 Galicia alertouse aos Bombeiros de Chantada, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

 

Un incendio nunha panadería de Ponteareas deixa escasos danos materiais

Un lume rexistrado esta madrugada nunha panadería de Ponteareas sáldase con danos materiais de escasa consideración. O incendio iniciouse no interior do establecemento, situado en Areas.

As lapas calcinaron un espazo no que se almacenaba leña. Ningunha persoa resultou ferida.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 3:15 horas desta madrugada para explicar a situación. Acto seguido, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse aos Bombeiros de Ponteareas, a Protección Civil e á Garda Civil.