Escuchar

Catro persoas resultaron feridas en senllos accidentes ocorridos en Viveiro e Silleda

En Viveiro, dúas persoas resultaron feridas despois de saírse da vía o vehículo no que viaxaban cando circulaban á altura do lugar de O Escourido, en Covas. O particular que chamou ao CAE 112 Galicia para advertir do accidente, indicou que había dúas persoas feridas no interior do vehículo, ás que, os sanitarios non podían acceder. Por iso, o persoal do 112 Galicia ademais de alertar aos servizos sanitarios tamén solicitou a intervención dos Bombeiros de Viveiro que, segundo indicaron, tiveron que cortar a porta do turismo para poder acceder aos feridos. A Garda Civil de Tráfico e os efectivos do Grumir de Viveiro tamén foron informados do accidente que tivo lugar sobre as 07:00 horas desta mañá. En Silleda, case á mesma hora, outras dúas persoas resultaron feridas ao envorcar o vehículo no que viaxaban. O accidente tivo lugar na N-525, no punto quilométrico 301.200, dirección Lalín. Tras recibir o aviso dun particular, o 112 Galicia alertou a Urxencias Médicas, aos axentes de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de Silleda. Así mesmo, aínda que os feridos puideron saír do vehículo polos seus propios medios, os Bombeiros do Deza tamén foron informados ao igual que o persoal do servizo de limpeza e mantemento da estrada.