Escuchar

Excarcerado o condutor dun turismo envorcado no centro urbano da Coruña

Un turismo envorcou esta madrugada no cruce de Juan Flórez con Nicaragua, na Coruña. A causa do impacto, o condutor quedou atrapado no interior e tivo que ser excarcerado polos bombeiros da cidade. Unha vez liberado, foi trasladado nunha ambulancia de Urxencias Médicas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 3:40 horas de hoxe para informar do sucedido. Deseguido, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a colaboración dos bombeiros, profesionais sanitarios e axentes da Policía Local.

 

Un motorista ferido tras bater contra un sinal de tráfico no Carballiño

O condutor dunha moto resultou ferido ao saírse da vía co seu vehículo e bater contra un sinal. O accidente produciuse na OU-902, ao paso pola localidade ourensá do Carballiño. Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Segundo explicou, o estado do motorista era grave. Decontado, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias informou aos servizos sanitarios de urxencia e pediu a colaboración dos efectivos de Protección Civil da vila. Tamén acudiron ao lugar os axentes da Garda Civil.

 

Tres persoas feridas nunha colisión en Gondomar

Unha colisión entre dous vehículos deixa tres persoas feridas en Gondomar. O sinistro rexistrouse na PO-331, a estrada que une a localidade con Vincios, á altura do quilómetro dous. Unha persoa particular daba a voz de alarma ás 20:00 horas da pasada tarde. Segundo explicou ao 112 Galicia, algunha das persoas resultara ferida de gravidade e mesmo tiña dificultades para saír o seu vehículo. O persoal do CAE 112 Galicia informou decontado a Urxencias Médicas.  Os efectivos sanitarios mobilizaron varias ambulancias para asistir ás persoas feridas. Tamén se avisou aos Bombeiros do Baixo Miño, que se desprazaron ao lugar do sinistro, e aos de Vigo. Ademais, o 112 Galicia puxo todos estes datos en coñecemento do GES do Val Miñor, da Policía Local, de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico. As tres persoas feridas foron trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

 

Trasladado un home tras caer por unhas rochas en Malpica

Un home resultou ferido a última hora da tarde de onte ao caer por unhas rochas en Malpica. En concreto, os feitos producíronse na contorna do porto da localidade. O varón foi localizado por outra persoa, que se puxo en contacto co CAE 112 Galicia ás 20:30 horas de onte. O persoal do 112 Galicia avisou decontado a Urxencias Médicas. Os efectivos sanitarios desprazáronse nunha ambulancia ata a zona portuaria. Tamén se alertou a Portos de Galicia, á Policía Local, a Protección Civil e á Garda Civil. As forzas da orde interviñeron para facilitar o traballo dos profesionais sanitarios, xa que ao redor do home ferido formouse unha gran aglomeración de xente. O varón foi evacuado na ambulancia a un centro sanitario.

 

Ardeu un colchón dentro dun iate atracado no Porto Deportivo de Baiona

Os efectivos do GES do Val Miñor sufocaron un lume dentro do camarote dun iate. A embarcación estaba atracada no Porto Deportivo de Baiona. Foi un dos seus ocupantes quen se puxo en contacto co 112 Galicia preto da medianoite. Nun primeiro momento, pensou que se trataba dun problema eléctrico, pero os efectivos de emerxencias comprobaron que o que ardía era un colchón dentro dun camarote. Por fortuna, ninguén resultou afectado. Ademais dos membros do GES do Val Miñor, o persoal do 112 Galicia avisou aos Bombeiros de Vigo, Salvamento Marítimo, Portos de Galicia, Servizo de Gardacostas e Policía Local.