Escuchar

Liberada unha persoa en Ortigueira tras envorcar o seu vehículo

Unha persoa resultou ferida esta mañá en Ortigueira despois de que o vehículo no que circulaba envorcase. A vítima quedou atrapada no interior do seu coche.

O sinistro tivo lugar na AC-101, a estrada que une As Pontes con Ortigueira, nas proximidades dunha canteira. Unha persoa particular deu conta da situación ao 112 ás 7:50 horas de hoxe.

O persoal da central de emerxencias do 112 alertou aos Bombeiros do Eume, que se desprazaron ao punto cun equipo de excarceración. Tamén se informou ao GES de Ortigueira, a Urxencias Médicas e á Garda Civil de Tráfico.

Tras ser liberada, a vítima foi evacuada polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.

 

Localizan unha familia perdida nunha zona de monte de Quiroga

Unha parella mailo seu bebé foron localizados onte á noite despois de perderse nunha zona forestal do concello de Quiroga. A familia viaxaba nun vehículo todoterreo polas inmediacións da parroquia de Cereixido cando se produciron os feitos.

A muller chamou ao 112 Galicia ás 19:30 horas de onte para alertar da situación. Segundo indicou, ela e o seu fillo quedaran no coche, mentres que o seu marido marchara a pé polo monte na procura de axuda, xa que era un bo coñecedor da contorna, segundo engadiu.

O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 activou decontado un operativo de busca da familia, no que participou o GES de Quiroga, a Garda Civil e a Garda Civil de Tráfico.

Unha patrulla da Garda Civil localizou contra as 21:30 horas o vehículo no que se atopaban a muller e o bebé. Horas despois, ao fío das 00:30 horas da madrugada, os efectivos de emerxencia daban co paradoiro do home. O varón non levaba teléfono móbil, o que dificultou a súa localización.

Tanto o matrimonio como o bebé atópanse en perfecto estado de saúde. Foron trasladados á súa vivenda, onde xa puideron pasar a noite.

 

Arde un edificio abandonado en Santiago

Incendio nun inmoble abandonado de Santiago. O lume calcinou por completo un edificio da rúa Restollal.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia á 1:00 desta madrugada para alertar da situación. Ademais, segundo indicou outra persoa que se puxo en contacto coa central de emerxencias, no edificio afectado adoitan durmir indixentes.

Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertaron aos Bombeiros de Santiago. Tamén se informou a Protección Civil, á Policía Local e á Policía Nacional. Urxencias Médicas tamén recibiu o aviso, aínda que os efectivos sanitarios non tiveron que intervir.