Escuchar

Un helicóptero medicalizado desprázase a Sanxenxo para evacuar a un bañista caído nas rochas

Un bañista resultou ferido onte ao caer nas rochas mentres se bañaba na Praia de Paxariñas, en Sanxenxo. Pasados uns minutos das 19:00 horas o persoal sanitario do 061-Urxencias Sanitarias comunicaba o suceso ao 112 Galicia. Indicaban que unha UVI móbil estaba evacuando ao bañista e que se dirixía ao punto un helicóptero medicalizado.

Así as cousas, a aeronave tomou terra no campo de Fútbol de Baltar. No dispositivo colaboraron os axentes da Policía Local e os efectivos do GES de Sanxenxo, tras ser alertados polo persoal do Centro Integrado ás Emerxencias (CIAE).

 

Un accidente en Cerceda deixa unha persoa ferida

Unha persoa resultou ferida despois de sufrir un accidente co seu vehículo en Cerdeda.  Ao redor das 03:00 horas desta madrugada, un alertante informaba ao CIAE dun coche accidentado en Rodís, en A Tablilla, no concello coruñés de Cerceda. Aseguraba que había unha persoa pedindo axuda no seu interior.

Foi a partir de aí, cando dende o 112 Galicia se puxeron os feitos en coñecemento do persoal sanitario, dos Bombeiros de Ordes, da Garda Civil de Tráfico e tamén de Protección Civil da localidade.

Chegados ao punto, os membros do parque comarcal indicaron que non foron precisos os medios de excarceración para evacuar á persoa ferida.

 

Un incendio derriba parte do tellado dun serradoiro antigo ocupado por indixentes en Valdoviño

Un incendio derribou esta noite parte dunha nave antiga situada moi preto da praia coruñesa de Valdoviño, na Vía Principal. Ao fío das 03:30 horas desta madrugada, efectivos de Protección Civil da localidade alertaban ao CIAE dun lume nun tellado dunha casa na Vía Principal. Aseguraban, ademais, escoitar estoupidos.De igual modo, un particular alertaba dun lume a carón da Praia.

Decontado, dende o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Ferrol e aos efectivos do GES de Mugardos e de Protección Civil de Valdoviño. Tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil. Unha vez no punto e extinguido o lume, membros de Protección Civil confirmaron que se tratou dun serradoiro antigo que ás veces era ocupado por indixentes.