Escuchar

Os Bombeiros do Eume participan na extinción dun incendio nunha galería de carbón das Pontes

Un incendio declarado onte á noite nunha galería de carbón da central térmica das Pontes obrigou a mobilizar aos Bombeiros do Eume. Os efectivos de emerxencia colaboraron co persoal da central térmica na extinción do lume, unhas tarefas laboriosas e que, por razóns de seguridade, houbo que levar a cabo aos poucos.

Foron os propios responsables da central os que alertaron da situación ao 112 Galicia ás 21:50 horas de onte. Segundo explicaban, estaba a arder carbón pulverizado no interior dunha galería. Indicaron que os bombeiros da central xa estaban a traballar na incidencia, pero solicitaban a colaboración de máis efectivos.

Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 informouse aos Bombeiros do Eume, a Protección Civil e á Garda Civil. Por precaución, tamén se alertou ao 061, aínda que os efectivos sanitarios non tiveron que intervir en ningún momento.

O lume quedou sufocado pouco despois das 0:00 horas. Con todo, unha dotación dos bombeiros continuou no punto durante varias horas desenvolvendo tarefas de arrefriamento e limpeza da galería.

 

Un home, ferido tras envorcar o seu remolque na ponte das Pías

Un home resultou ferido esta mañá na ponte das Pías, en Ferrol, tras sufrir un accidente de tráfico. O remolque que levaba conectado ao seu coche envorcou, invadindo un dos dous carrís de acceso á cidade. Segundo os datos facilitados ao 112, o sinistro produciuse no quilómetro 2,8.

Foron varias as persoas que chamaron ao 112 Galicia, contra as 8:00 horas desta mañá. Unha delas solicitaba asistencia sanitaria para a vítima.

O persoal do CIAE do 112 alertou decontado ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Ferrol. Tamén se informou a Protección Civil de Ferrol e á Garda Civil de Tráfico.

 

Cae sobre un coche unha cornixa dun edificio en pleno centro de Sarria

O desprendemento da cornixa dun edificio en Sarria sáldase con diversos danos materiais. Os cascallos caeron sobre un vehículo, que estaba estacionado na zona.

Os feitos tiveron lugar na céntrica rúa de Calvo Sotelo. Con todo, ningunha persoa resultou ferida.

O 112 Galicia tivo coñecemento da situación ás 21:10 horas da pasada tarde, a través dun aviso da Policía Local. Segundo explicaron, ían proceder ao balizado da zona.

O persoal do 112 Galicia informou dos feitos aos Bombeiros de Sarria, para que procedesen a revisar e asegurar a zona. Tamén se alertou a Protección Civil.