Escuchar

Un home falece ao quedar debaixo do seu tractor en Boborás

Un varón perdeu a vida onte despois de que o seu tractor envorcase en Boborás. O corpo da vítima quedou atrapado debaixo do vehículo e tivo que ser rescatado polos Bombeiros do Carballiño.

Os feitos tiveron lugar na parroquia de Moldes, no lugar de Nonás. Un particular alertaba do ocorrido ao 112 Galicia pasados uns minutos das 22:00 horas.

Nese momento, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia poñía a situación en coñecemento de 061-Urxencias Sanitarias, GES de Avión e Bombeiros.

 

Un bebé, unha muller e un home feridos tras ser atropelados en Narón

Un bebé, unha muller e un home resultaron feridos leves despois de ser atropelados onte en Narón. Os feitos ocorreron nas proximidades da igrexa de San Lorenzo de Doso.

O 112 Galicia recibía a alerta a través dun particular ás 21:00 horas. Indicaba no seu relato que as persoas atropeladas atopábanse accesibles.

A partir de aí, dende o CAE 112 Galicia informouse a 061-Urxencias Sanitarias, Bombeiros de Narón, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e á Policía Autonómica de Santiago.

Bebé trasladado
Por outra banda, 061-Urxencias Sanitarias alertaba ao CAE 112 Galicia ás 21:30 horas da pasada noite dun accidente no termo municipal lucense de Cospeito. O persoal sanitario indicaba que había un bebé implicado.

O sinistro tivo lugar na LU-120, no punto quilométrico 18. Decontado, dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia se informaba do ocorrido á Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e ao servizo de mantemento da estrada.

Finalmente, o bebé foi trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

 

Localizados os dous menores desaparecidos no Hío despois da posta en marcha dun amplo dispositivo de busca

Durante alomenos tres horas un amplo dispositivo por terra, mar e aire estivo activado para a procura de dous nenos que desapareceran no cámping do Hío. Ao fío das 19:00 horas da tarde pasada, un particular indicaba ao 112 Galicia que facía unha hora que estaban na busca de dous menores, que mentres xogaban, saíran detrás dunha pelota.

De inmediato, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 púxose en alerta ao posto de Salvamento de Cangas, Garda Civil, Policía Autonómica e aos efectivos de Protección Civil.

O alertante indicou que os menores marcharan a través dunhas rochas na busca do balón que lles caera á auga. Por iso, ante a posibilidade de que os nenos caeran no mar, puxéronse os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo que, deseguido, mobilizou unha embarcación e un helicóptero para facilitar a procura dos menores.

No seu relato, o alertante tamén indicou que serían precisos medios sanitarios para atender ao pai dun dos menores, ao atoparse delicado de saúde.

Por fortuna, os dous, apareceron sans e salvos. Un deles na Praia de Arnelas e o outro na de Aldán. Ambos perdéranse tras ir na busca do balón.