Escuchar
Liberan a un condutor do interior dun autobús tras colidir contra un turismo en Porto do Son
Os bombeiros de Ribeira excarceraron esta mañá ao condutor que quedou atrapado no interior do autobús que manexaba tras colidir contra un vehículo cando circulaban polo lugar de Carballosa, á altura do termo municipal coruñés de Porto do Son. Segundo confirmaron os servizos sanitarios ao CAE 112 Galicia, o autobús, ía baleiro no momento de producirse o accidente e o ferido, unha vez liberado, foi trasladado en ambulancia a un centro hospitalario de referencia.  O Centro de Atención ás Emerxencias, tras o aviso ás 07:45 horas de hoxe, ademais de avisar aos efectivos do parque comarcal pediu a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil. Debido ao forte impacto, un poste da luz tamén resultou afectado, polo que, o persoal de Unión Fenosa tamén foi informado. Urxencias Médicas xa tiña constancia do suceso.
 
Atenden a seis persoas afectadas por intoxicación de monóxido de carbono en Valga
Un total de seis persoas da mesma familia foron atendidas polos servizos sanitarios de urxencia esta madrugada tras resultar afectadas pola inhalación deste gas. Os bombeiros do Salnés, unha vez no lugar e feitas as correspondentes medicións comprobaron que había unha alta concentración do gas. Así mesmo, indicaron que a causa mais probable da intoxicación puido ser debido a unha avaría no quentador que había na casa dos afectados, situada na parroquia de Setecoros, no Concello de Valga. Ao fío das 2:30 horas deste luns, o CAE 112 Galicia recibía a chamada de alerta, e de inmediato, solicitou a intervención dos Bombeiros, dos efectivos da Garda Civil e do GES de Valga. Urxencias Médicas xa tiña constancia do suceso.
 
Unha persoa resultou ferida tras colidir catro vehículos na A-55, en Mos
Unha persoa foi trasladada en ambulancia a un centro hospitalario de referencia tras resultar ferida despois de colidir un total de catro vehículos que circulaban pola A-55, á altura da rotonda de Puxeiros, no Concello de Mos.  O accidente tivo lugar pasados uns minutos das 19:00 horas deste domingo. Varios particulares chamaron ao CAE 112 Galicia para pedir axuda, que de seguido, alertou a Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Mos.