Escuchar

O GALI participou na busca dunha muller desaparecida onte en Ourense

Os membros do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) colaboraron onte coa Policía Nacional nun operativo de busca dunha muller de avanzada idade desaparecida en Ourense.

Mediante o emprego de drons, o GALI participou nas labores de busca dunha muller da que se perdeu a pista na tarde de onte no lugar do Castro de Beiro e que foi localizada durante a madrugada na estación de autobuses da cidade.

Así, tras a petición que a Policía Nacional de Ourense fixo chegar ao 112 Galicia, a pasada noite sumouse o equipo do GALI ao operativo, no que tamén participaron a Policía Local e membros de Protección Civil de Ourense e de Barbadás.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a muller foi trasladada a un centro hospitalario por precaución.

 

Catro persoas feridas nunha colisión entre dous coches en Vigo

Catro persoas resultaron feridas onte despois de producirse unha colisión na que se viron implicados dous turismos en Vigo. O accidente ocorreu na Travesía del Marqués Alcedo, á altura do número 19, ao fío das 22:35 horas.

Nese momento, o 061-Urxencias Sanitarias contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso á Policía Local e aos Bombeiros de Vigo.