Escuchar

En marcha o operativo de busca dun mergullador na contorna das illas Estelas

Diferentes medios traballan xa no dispositivo de busca dun mergullador desaparecido fronte as costas de Nigrán dende as 19:00 horas da pasada tarde. As tarefas céntranse na contorna das illas Estelas. Foi un compañeiro seu o que alertou a Salvamento Marítimo. Tralos resultados negativos dos rastrexos de onte, nestes intres estase a retomar o operativo. Segundo informou Salvamento Marítimo ao 112 Galicia, dende esta hora peitean a zona a Salvamar Mirach, a embarcación Río Guadalupe da Gardia Civil e os Bombeiros de Vigo, cunha zodiac e varios mergulladores. Por terra, os GES do Val Miñor acábanse de incorporar ao operativo. Ademais, ao longo da mañá está previsto que se sumen ás tarefas varios efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil. Onte, nada máis coñecer os feitos, o CAE 112 Galicia explicou a situación ao GES do Val Miñor, á Policia Local e Protección Civil de Nigrán e á Garda Civil. Varios efectivos destes corpos sumáronse ao dispositivo de busca. Nas tarefas xa estaban participando o helicóptero Pesca 1, a Salvamar Mirach e varias embarcacións particulares. O operativo quedou suspendido ata hoxe ás 23:00 horas da pasada noite.

 

Reanúdase a busca do ancián de Monfero

Nova xornada na procura do ancián desaparecido o pasado venres no concello de Monfero. A esta hora peitean a zona numerosos efectivos de Protección Civil de Bergondo, Pontedeume, Cabanas e Narón. Ademais, tamén se sumaron xa ao operativo varios membros do GES de Mugardos e varias patrullas da Garda Civil. Onte, o dispositivo suspendeuse contra as 23:30 horas cun resultado negativo.

 

Arden seis colectores do lixo en Ribeira en pouco máis dunha hora

Ata en seis ocasións os Bombeiros de Ribeira tiveron que ser mobilizados esta noite para apagar os incendios declarados noutros tantos colectores do lixo. O primeiro dos lumes rexistrouse no lugar de Areeiros contra as 2:00 horas desta madrugada. Un particular contactou co 112 Galicia para alertar que estaba ardendo un colector azul. O persoal do 112 Galicia informou aos Bombeiros e á Policía Local que se desprazaron ata o lugar. Nun prazo de algo máis dunha hora, os efectivos tiveron que atender outros cinco lumes máis nas rúas da Cerca, Noro, Insuabela, Curbelo e na rúa da Xunqueira. Neste último caso, o incendio rexistrouse moi preto duns coches que estaban estacionados. Así e todo, os vehículos non acabaron sufrindo ningún dano.