Escuchar

Unha persoa resultou ferida de consideración ao colidir un coche e unha moto en Tomiño

Unha persoa resultou ferida de gravidade despois de colidir un coche e unha moto que circulaban pola PO-552, ao redor do punto quilométrico 60.600, da localidade de Tomiño.

Ás 23:15 horas da noite pasada, un particular indicaba ao 112 Galicia que dende a súa casa estaba vendo o accidente e que podía haber persoas atrapadas. Por elo, dende o CAE 112 Galicia pasouse aviso a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Baixo Miño. Tamén se requiriu a intervención dos axentes de Tráfico e de Protección Civil.

Sen embargo, efectivos do GES da Garda que circulaban nese intre por esa estrada e que se atoparon co accidente, confirmaron que non había persoas atrapadas pero que si un dos implicados precisaba asistencia sanitaria con urxencia.

A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirido polo persoal do 112 Galicia. 

 

Desaloxados dous edificios por precaución a causa dun incendio nunha escola infantil de Pontevedra

Un incendio nunha gardaría situada na Praza de Pasaron, na cidade de Pontevedra, foi a causa do desaloxo  -por precaución- de dous edificios. Sobre as 03:00 horas desta madrugada varios particulares alertaron ao  112 Galicia. Indicaban  que vían fume na Praza de Pasaron pero que descoñecían de onde procedía.

De inmediato,  alertouse aos Bombeiros de Pontevedra, así como, á Garda Civil e  a Protección Civil. Unha vez no lugar, os Bombeiros comprobaron que se trataba dun incendio nunha gardaría nesa rúa e que, ardeu na súa totalidade.

Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o incendio. 

 

Os servizos de emerxencia continúan a traballar na extinción dun lume nun alpendre de A Veiga

Os Bombeiros de Valdeorras seguen a traballar na extinción dun lume que se iniciou na tarde de onte nunha palleira. O incendio comezou ao redor das 18:00 horas da tarde de onte.

Foi a esa hora cando efectivos de Protección Civil solicitaban ao persoal do 112 Galicia medios para atallar un incendio que se propagara nun almacén de palla, no lugar de Seoane, na localidade de A Veiga. A partir de aí, Bombeiros, efectivos do GES e de Protección Civil de Valdeorras e a Gudiña, traballan arreo na extinción do lume que deron por controlado, aínda que non extinguido, sobre as 21:00 horas da noite pasada. Aínda así, debido á cantidade de palla acumulada e ás altas temperaturas alcanzadas á primeira hora desta mañá, os medios de extinción continuaban traballando no lugar para evitar que se reavivase.

Dende o Centro de Atención ás Emerxencias tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil.