Escuchar

Liberados os dous ocupantes dun turismo despois de chocar contra unha casa en Cospeito

Os Bombeiros excarceraron esta madrugada a dúas persoas atrapadas no interior do turismo no que viaxaban. O vehículo, que circulaba pola estrada que une as localidades de Cospeito e Vilalba, á altura do punto quilométrico 13, chocou contra unha casa despois de saírse da vía. Así o relataba o particular que chamou, sobre as 04:30 horas, ao 112 Galicia para pedir axuda.

Tras recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 (CIAE), alertouse ao persoal sanitario, axentes de Tráfico e aos Bombeiros de Vilalba. Membros do parque comarcal nada mais chegar ao lugar do sinistro confirmaron a excarceración dos dous ocupantes. Unha vez liberados os dous feridos foron trasladados en dúas ambulancias que os técnicos sanitarios desprazaron ao punto.

Ademais, debido aos danos ocasionados, foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada.  

 

Trasladada unha persoa por inhalación de fume ao incendiarse a campá extractora dun Hotel de Negreira

Os Servizos Sanitarios de Urxencia trasladaron onte a unha persoa afectada pola inhalación do fume que provocou un incendio na campa extractora na cociña dun Hotel. Segundo indicou persoal do 061, a persoa foi trasladada ata o Centro de Saúde da localidade para, posteriormente, trasladala ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Ás 19:25 horas deste xoves, un particular alertaba ao 112 Galicia do incendio. Indicaba que ardía a cheminea do inmoble situado na Avenida de Santiago, en Negreira e que había unha persoa afectada polo fume. Así, pasouse aviso, decontado, aos técnicos sanitarios, aos Bombeiros de Santa Comba, GES de Brión e á Garda Civil.

Nada mais chegar ao punto, os Bombeiros extinguiron o lume e procederon a ventilar. Ardeu a campa extractora da cociña, posiblemente, debido á sucidade acumulada na cheminea. 

 

Atopados un matrimonio e a súa filla despois de perderse nas Fragas de Eume

Un matrimonio e a súa nena de sete anos foron localizados onte  sans e salvos tras perderse nas Fragas do Eume, en Monfero. Foi o pai da menor quen, ás 22:00 horas da noite pasada indicaba ao 112 Galicia que se atopaban ben pero que non sabía onde estaban.

Grazas ao envío das coordenadas da ubicación a través do WhatsApp, a petición do persoal do 112 Galicia, a Garda Civil puido localizados.

Nada mais recibir a chamada de alerta, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a colaboración da Garda Civil e de Protección Civil de Pontedeume.