Escuchar

Mobilizan un helicóptero para asistir a un gandeiro ferido en Cartelle

Un gandeiro resultou ferido onte á tarde, en Cartelle, tras sufrir un accidente laboral na súa granxa. Á vítima caeulle unha cuba de auga enriba dun pé.

Os feitos tiveron lugar nunha explotación de porcos, situada en Reigoso.

O 112 Galicia tivo coñecemento da situación ás 18:40 horas de onte, a través do 061-Urxencias Sanitarias. Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Protección Civil e á Garda Civil.

Finalmente, os efectivos médicos decidiron mobilizar ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que se encargou de trasladar o gandeiro ata un centro hospitalario.

Laboral en Santiago
Un operario resultou ferido ao caer dende a máquina coa que realizaba o seu traballo nas obras da estación do tren, en Santiago de Compostela. Tras recibir o aviso do alertante, pasados uns minutos das 04:00 desta madrugada, o 112 Galicia solicitou a intervención do persoal do 061-Urxencias Sanitarias. Ademais, informou do suceso aos axentes da Policía Nacional, Local e a Protección Civil da cidade.

 

O estoupido na caldeira dunha casa da Estrada provoca un incendio nun galpón

Un estoupido na caldeira de auga nunha vivenda no lugar de Couso, na localidade da Estrada, foi a orixe do incendio que se propagou nun galpón anexo a dita vivenda. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais e unicamente, as lapas, só afectaron á maquinaria que se almacenaba no interior do alpendre, cuxos donos utilizaban como taller.

A escasos minutos da 01:00 horas desta madrugada, un particular alertaba ao persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) da situación. Indicaba que ardía un depósito de auga nun garaxe anexo á vivenda . Así mesmo, aseguraba que non había persoas afectadas pero segundo o seu relato,  tiña o lume na casa.

Dende o CIAE alertouse aos Bombeiros do Deza e aos membros do GES e de Protección Civil da Estrada que decontado se desprazaron ao punto.  Do mesmo xeito, informouse do suceso á Garda Civil.