Escuchar

Alomenos cinco persoas feridas nun choque múltiple en Narón

Polo menos cinco persoas resultaron feridas esta mañá nun accidente múltiple rexistrado en Narón. Na colisión víronse implicados tres vehículos. 

O sinistro aconteceu no quilómetro 3 da AC-566, a estrada que une a localidade con Cedeira, á altura da parroquia de Castro. 

Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia ao longo desta mañá para informar da situación. A primeira delas chamou á central de emerxencias ao fío das 12:00 horas. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou decontado a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Narón. A situación tamén foi posta en coñecemento do Servizo de Emerxencias Municipal e da Garda Civil de Tráfico. 

A esta hora, os efectivos mobilizados continúan a traballar no punto, polo que o número de persoas feridas aínda é un dato provisional. 

 

Unha colisión múltiple en Pontecesures deixa dúas persoas feridas

Un choque no que se viron implicados tres vehículos sáldase con dúas persoas feridas. Segundo se lle indicou ao 112, o seu estado non reviste gravidade. 

O accidente produciuse na N-550, á altura dunha coñecida estación de servizo. Unha condutora implicada no sinistro chamou ao 112 Galicia ás 11:00 horas desta mañá. Acto seguido, os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias informaron a Urxencias Médicas e ao GES de Valga. Tamén se alertou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico. 


Dúas persoas feridas nun choque entre dúas motos e un coche en Vigo

Unha colisión entre dúas motos e un coche deixa dúas persoas feridas en Vigo. As persoas feridas son os dous motoristas implicados no accidente. 

O sinistro tivo lugar na zona portuaria de Laxe, na parroquia de Sárdoma. Unha persoa particular alertaba dos feitos ao 112 Galicia ás 10:00 horas desta mañá. Ata a zona foron mobilizadas dúas ambulancias para asistir ás persoas feridas. 

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou da situación a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Vigo. Tamén se alertou a Protección Civil, á Policía Local, á Policía Nacional e á Garda Civil de Tráfico. A Autoridade Portuaria de Vigo tamén foi advertida do accidente.