Escuchar

Unha persoa ferida en Bande despois de saírse da vía co vehículo que conducía

Unha saída de vía deixa un ferido en Bande. Ao fío das 10:00 horas de hoxe un particular informaba ao 112 Galicia dun accidente na saída do pobo de Bande, na N-540, dirección Portugal. Segundo a súa  testemuña, o condutor, saíuse da vía e quedou atrapado por un pé no interior do vehículo. Por iso, dende o 112 Galicia ademais de pasar a alerta a Urxencias Médicas, requiriuse a intervención dos membros do GES de Muíños e de Protección Civil de Bande, así como a dos axentes de Tráfico.

Unha vez no punto, efectivos do GES confirmaron o uso do material de excarceración para liberar ao ferido  co pe atrapado polo embrague do turismo. Tras ser liberado, a persoa foi trasladada por Urxencias Médicas ao centro hospitalario de referencia.

Motorista ferido en Tui
Pasados dez minutos das 08:00 horas desta mañá, Urxencias Médicas informaba ao 112 Galicia dun motorista ferido de consideración en Tui. Indicaban que se tratou dun choque entre unha moto e un coche no cruce da Carrasqueira, no punto quilométrico 3 da PO-404, en Tui.

A partir de aí, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Baixo Miño. Tamén a Policía Local daba conta do acontecido ao persoal do 112 Galicia así como varios particulares que presenciaron os feitos. Ata o lugar, desprazouse persoal do servizo de mantemento da estrada que se encargou da limpeza da vía.