Escoitar

Mobilizan un helicóptero para asistir un ciclista ferido en Monfero

Un ciclista resultou ferido esta mañá en Monfero tras sufrir unha caída. Os feitos tiveron lugar no quilómetro 10 da estrada AC-151, á altura da Ponte da Pedra. 

Ás 10:50 horas, unha persoa particular deu conta dos feitos ao 112 Galicia. Segundo a información facilitada, no accidente non se vira implicado ningún outro vehículo. 

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertou decontado ao 061-Urxencias Sanitarias. Os efectivos médicos decidiron enviar ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Ademais, dende o 112 informouse aos Bombeiros do Eume e á Garda Civil de Tráfico. 

Ferido no Porriño
Outro ciclista resultou ferido durante esta mañá, desta volta no Porriño. O deportista sufriu unha caída a carón do cuartel da Garda Civil. 

Foi un particular o que deu conta da situación ao 112 Galicia ás 10:25 horas de hoxe. Acto seguido, dende a central de emerxencias do 112 alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Baixo Miño, a Protección Civil e á Policía Local.