Escuchar

Evacuada en helicóptero unha peregrina que caeu da bicicleta en Palas

Unha peregrina que facía o Camiño de Santiago resultou ferida esta mañá no concello lucense de Palas de Rei. A muller caeu da bicicleta na que circulaba, á altura do lugar de Portos,  na parroquia de Lestedo. Tivo que ser evacuada nun helicóptero a un centro sanitario.

O 112 Galicia coñeceu os feitos a través da chamada dunha persoa particular ás 11:00 horas desta mañá. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas, que decidiu mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Ata o punto tamén se desprazaron, a través do aviso do 112 Galicia, efectivos do GES de Monterroso e de Protección Civil de Palas. Ademais, a situación foi posta en coñecemento da Garda Civil.

 

Liberada a condutora dun turismo en Xove tras chocar contra un camión

Unha muller foi excarcerada esta mañá no concello lucense de Xove, logo de que o vehículo no que viaxaba sufrise un impacto contra un camión que transportaba area. Aconteceu no quilómetro 97 da LU-862, a estrada que une a localidade con San Cibrao. Unha persoa particular contactaba co Centro de Atención ás Emerxencias do 112 minutos despois das 9:00 horas desta mañá para informar do sinistro.

A muller, única ocupante do turismo, quedou atrapada no seu interior, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Viveiro, que se desprazaron ata o lugar tras recibir o aviso do 112 Galicia. Ademais, dende o CAE 112 Galicia tamén se alertou a Urxencias Médicas, ao GES de Cervo, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. A muller recibiu asistencia sanitaria.