Escuchar

Un operario resulta ferido en Vigo tras precipitarse dende unha altura

Un traballador resultou ferido en Vigo tras precipitarse dende unha altura duns seis metros. O accidente ocorreu nunha nave situada na estrada da Gándara, sobre as 11:30 horas desta mañá. Foi a esa hora, cando o persoal do 061-Urxencias Sanitarias comunicaba ao 112 Galicia que unha UVI móbil se desprazaba a ese enderezo. A partir de aí, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse á Policía Nacional e Local e tamén aos efectivos de Protección Civil.

Atropelo a un operario
Por outra banda, tamén en Vigo, sobre as 12:10 horas deste mediodía, o 112 Galicia era alertado doutro accidente laboral. Neste caso, segundo indicou persoal do 061-Urxencias Sanitarias, tratouse do atropelo a un traballador dun concesionario de coches situado na Avenida de Madrid, á altura do número 195. Dende o 112 Galicia informouse á Policía Nacional e aos efectivos de Protección Civil. 

 

Unha persoa resulta ferida tao accidentarse co seu vehículo  en Maceda

Unha persoa foi evacuada esta mañá tras sufrir un accidente co seu vehículo ao paso da Costa do Sol, en Maceda. Ao fío das 11:00 horas, un particular informaba ao 112 Galicia do accidente, ademais, aseguraba que no interior do turismo había unha persoa atrapada.

 Así, de inmediato, puxéronse os feitos en coñecemento do persoal do 061-Urxencias Sanitarias e dos Bombeiros de San Cibrao. Tamén, solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e a dos efectivos do GES de Pereiro de Aguiar e de Protección Civil de Maceda.

Finalmente, os servizos de emerxencia no punto, confirmaron que a persoa estaba ferida pero non atrapada no interior do turismo. A persoa foi trasladada en ambulancia polo persoal sanitario.

Camión envorcado
Unha hora antes, un particular informaba ao 112 Galicia dun camión envorcado na A-54, no punto quilométrico 84, en Santiago. Pese a que, o camión ía cargado de taboleiros, non houbo perda da carga. Ademais, segundo indicaba o alertante, o condutor estaba fora do vehículo. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do  112 Galicia pasouse aviso á Garda Civil de Tráfico. Tamén se pasou aviso aos efectivos de Protección Civil e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.