Escuchar

Rescatadas dúas persoas en Cambados tras caer co coche ao mar

Dúas persoas foron rescatadas esta mañá despois de precipitarse ao mar co seu coche. Aconteceu no peirao de Cambados.

As vítimas foron rescatadas por persoas particulares. Unha delas contactaba co 112 Galicia ás 10:30 horas para explicar a situación. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias alertouse aos Bombeiros do Salnés, a Urxencias Médicas, a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se informou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil.

As dúas persoas rescatadas precisaron asistencia sanitaria. Logo de reanimalas, foron trasladadas conscientes en ambulancia. Ambas presentaban síntomas de hipotermia.

O vehículo accidentado provocou unha pequena vertedura no mar. Os efectivos de emerxencia xa procederon a instalar barreiras de contención na zona para frear a mancha. Está previsto que nas vindeiras horas un guindastre se encargue de retirar o coche da auga.

Choque en cadea
Por outra banda, en Culleredo, rexistrábase esta mañá unha colisión múltiple entre dous turismos e unha furgoneta. Aínda que non houbo feridos, unha muller aseguraba ter molestias. Así e todo, non precisou asistencia sanitaria.

O sinistro tivo lugar no quilómetro 7 da N-550. Unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia ás 11:40 horas desta mañá. Dende o CAE 112 informouse a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

 

Un traballador ferido ao caer dun tellado en Oleiros

Un operario resultou ferido esta mañá en Oleiros ao caer dende un tellado. A estrutura rompeu, tirando á vítima ao chan dende unha altura aproximada duns tres metros.

O accidente laboral produciuse na rúa Areal, en Perillo. Unha persoa particular solicitaba axuda ao 112 Galicia ás 11:00 horas desta mañá. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias alertou a Urxencias Médicas, a Protección Civil e a Policía Local.

Os efectivos de Protección Civil achegáronse ao lugar cunha padiola de rescate vertical. Acto seguido os efectivos sanitarios ao traslado do traballador.