Escuchar

Unha persoa sufriu unha intoxicación por mor dunha acumulación de gases procedentes dunha cociña de leña

Os profesionais sanitarios evacuaron esta mañá a unha persoa que sufriu unha intoxicación a causa dunha acumulación de gases procedentes dunha cocina de leña. Sucedeu arredor das 9:20 horas de hoxe nunha vivenda situada no lugar dos Cotriños, no concello pontevedrés de Valga.

Segundo explicaron os servizos de emerxencias, a persoa afectada foi trasladada nun primeiro momento ao Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade para ser sometida a unha valoración inicial dos síntomas de intoxicación que presentaba sen descartar a posterior evacuación ao Complexo Hospitalario Universaitario de Santiago (CHUS).

Ademais do equipo de Urxencias Médicas que se desprazou ao domicilio, colaboraron os efectivos do GES da localidade, quen informaron ao persoal do 112 Galicia.

Pola súa banda, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros do Salnés, aínda que, segundo sinalaron os membros do GES, as medicións deron baixas debido a que un familiar ventilou a estancia en canto se decatou do que acontecía.

Finalizada a súa intervención, os membros do GES de Valga sinalaron que a intoxicación da persoa puido deberse a unha mala combustión da cociña de leña, que botou fume cara ao interior da vivenda.

 

Un accidente de tráfico en Ponteareas sáldase con tres persoas feridas

Tres persoas resultaron feridas a causa dun accidente de tráfico rexistrado na A-52, no punto quilométrico 296 en sentido Vigo, ao paso polo concello pontevedrés de Ponteareas.

Segundo indicaron as persoas que contactaron co 112 Galicia para informar sobre o suceso, había un único vehículo implicado e persoas no interior. Así, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Ponteareas e membros do GES, que, unha vez no lugar do accidente, comprobaron que as persoas estaban liberadas e accesibles.

Con todo, necesitaron asistencia médica, polo que os tres feridos foron evacuados por Urxencias Médicas ata os centros hospitalarios de referencia.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente pouco despois das oito desta mañá e, ademais dos servizos de extinción e salvamento, dende o CIAE pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Colisión frontal en Outeiro de Rei
Por outra banda, os xestores do 112 atenderon outra colisión en Outeiro de Rei. Concretamente, o accidente rexistrouse ás 9:40 desta mañá na N-VI, punto quilométrico 512 e resultou ferida unha persoa, que nun primeiro momento sospeitaban que estaba atrapada no interior do turismo accidentado.

Así, o persoal do 112 avisou aos Bombeiros de Vilalba, aos profesionais de Urxencias Médicas e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar do sinistro, os bombeiros comprobaron que a persoa estaba liberada e estaba xa sendo atendida polos servizos sanitarios.

Non obstante, permaneceron no lugar para a limpeza dos restos de aceite e materiais que quedaron na vía. Deste xeito, restableceron as condicións de seguridade na calzada e regresaron á base.

Atropelo en Santiago
Durante esta mañá, os xestores do CIAE atenderon outro accidente rexistrado en Santiago. Neste caso, tratouse dunha persoa que foi alcanzada por un turismo na Rúa Camilo Díaz Baliño. A persoa foi trasladada ata o centro hospitalario de referencia por unha ambulancia de Urxencias Médicas.

Foi un particular quen arredor das 10:30 horas chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. A partir de aí, dende o CIAE se informou aos servizos sanitarios de urxencia e á Policía Local.