Escuchar

Un camión cargado con 12.000 litros de leite caeu ao río en Taboada e perdeu parte da carga

Un camión cisterna se saíu da vía e caeu ao Río de Moreda, en Taboada. O condutor resultou ferido e foi trasladado ao hospital por unha ambulancia de Urxencias Médicas. Ademais, como consecuencia do impacto, parte da carga do camión, uns 12.000 litros de leite, se derramaron polo río. A posición na que quedou o vehículo está a complicar as labores dos servizos de emerxencias, que tratan de deter a mancha. A cisterna componse de tres depósitos, que están cheos de leite. Conseguiron transvasar o contido dun, pero os outros dous terán que retiralos cheos. O CAE 112 Galicia rexistrou o accidente despois das once desta mañá e, deseguido, informou aos Bombeiros de Chantada, aos membros do GES de Monterroso, e ás forzas da orde. Igualmente, se avisou ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño. Os medios continúan traballando no lugar do accidente. O 112 Galicia tivo constancia, tamén, de outros dous accidentes con feridos en Ponteceso e Viana do Bolo. O máis recente sucedeu no concello bergantiñán arredor das dez desta mañá. Unha condutora resultou ferida despois de saírse da vía co vehículo que conducía. O coche foi a parar a un prado e, aínda que o persoal do 112 solicitou a intervención dos Bombeiros de Carballo, a muller puido saír do vehículo polos seus propios medios. Dúas horas antes, en Viana do Bolo, outro turismo empotrouse contra un garaxe e quedou suspendido na rampa de acceso. Ata o lugar se desprazaron os voluntarios de Protección Civil e os membros do GES da Gudiña. A persoa que conducía o vehículo foi atendido polos servizos sanitarios de urxencia.