Escuchar

Un ciclista foi arroiado por un vehículo que continuou a marcha

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon esta mañá a un ciclista que foi atropelado por un vehículo cando circulaba pola estrada de Coristanco a Santa Comba, ao paso pola parroquia de Agualada.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse ás 9:50 horas de hoxe cando un turismo arroiou ao ciclista e continuou a marcha.

Pola súa banda, o ferido sufriu diversas lesións polo que tivo que ser atendido polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias.

Ademais, ata o lugar achegáronse os axentes da Garda Civil de Tráfico, que tratar de indagar as circunstancias que rodearon este suceso.

Contra un poste en Ordes
Por outra banda, sobre as 8:20 horas de hoxe, un turismo saíuse da vía e bateu contra un poste de fibra óptica cando circulaba pola AC-524, de Ordes a Lanzá.

O condutor do vehículo resultou ferido por mor do impacto e o poste quedou tirado na vía, polo que tiveron que intervir os técnicos da compañía subministradora do servizo.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tamén se informou aos bombeiros de Ordes, aínda que o ferido estaba totalmente liberado e accesible, polo que puido ser atendido directamente polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias e trasladado ao centro hospitalario de referencia.

Accidente con maquinaria agrícola en Vila de Cruces
Ademais, en Vila de Cruces, unha persoa tivo que ser evacuada polo helicóptero medicalizado con base en Santiago despois de sufrir un accidente coa máquina agrícola que manexaba.

O 112 Galicia rexistrou o accidente as dez desta mañá e ata o lugar acudiron os membros de Protección Civil da localidade, aínda que tamén foron informados os bombeiros do Deza, pese a que a persoa estaba liberada.