Escuchar

Atopan a unha muller falecida na súa vivenda da Coruña  posiblemente por un incendio causado por unha manta eléctrica

A inhalación de fume é a causa mais probable do falecemento dunha muller que foi atopada tirada no chan da súa vivenda, situada na Praza do Comercio, na cidade da Coruña. Así o relataron os bombeiros da cidade herculina ao chegar ao domicilio, tras ser alertados polo 112 Galicia. Atoparon á muller falecida, parte da cama calcinada e unha manta eléctrica ao seu carón.

Faltaban uns minutos para as 09:00 horas desta mañá, cando  a nora da falecida chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que a coidadora da súa sogra cando chegou á vivenda, atopouna chea de fume.

De inmediato, alertouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros da Coruña. Tamén se  solicitou a colaboración dos axentes da Policía Local e de Protección Civil da cidade. 

 

Dous feridos en Boqueixón tras chocar contra un muro co vehículo no que viaxaban

Os dous ocupantes dun vehículo resultaron feridos esta mañá despois de chocar contra un muro ao saírse da vía pola que circulaban.

O accidente ocorreu no termo municipal de Boqueixón, na estrada que une Santa Lucía co Polígono, á altura da Ponte da vía do tren. O 112 Galicia tras recibir o aviso dun particular, sobre as 10:00 horas, alertou a Urxencias Médicas, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil de Boqueixón.

Atropelo en Valdoviño
Por outra banda, en Valdoviño, un home de avanzada idade resultou ferido despois de ser atropelado por un turismo  no lugar do Boeiro.

Os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia do atropelo sobre as 09:00 horas desta mañá. A partir de aí, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia pasouse aviso á Garda Civil de Tráfico, Policía Local e ao GES de Mugardos. 

 

Unha colisión entre un camión e un turismo deixa unha muller ferida en Viana do Bolo

Unha muller resultou ferida despois de verse implicada nunha colisión frontolateral entre un camión e un turismo. O camión -de transporte de áridos- ía baleiro no momento de producirse o accidente pero entorpecía a circulación, segundo indicaron testemuñas que presenciaron o accidente.

O  impacto ocorreu no lugar de PradoCabalos, na estrada que une Viana do Bolo e a Gudiña, no concello ourensá de Viana do Bolo. Tras recibir a chamada dun particular, pasados dez minutos das 12:00 horas deste mediodía, e, tras indicar que había unha muller que necesitaba asistencia sanitaria, o 112 Galicia requiriu os servizos do persoal sanitario. Así mesmo, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico, dos efectivos do GES da Gudiña e de Protección Civil de Viana do Bolo.

Colisión múltiple en Redondela
Os servizos sanitarios de urxencia informaron este mediodía ao persoal do 112 Galicia dunha colisión entre tres turismos na parroquia de Vilar, en Redondela. Segundo constataron, había persoas feridas pero todas de carácter leve.

Ata o punto, tras ser alertados polo 112 Galicia, desprazáronse os axentes de Tráfico e do Grumir de Redondela que confirmaron que o accidente ocorreu na N-555, no punto quilométrico 5. O persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirido polo persoal do 112 Galicia.