Escuchar

Feridos dous operarios en senllos accidentes ocorridos no Porriño e Coruña

No Porriño, un traballador resultou ferido despois de caer dunha altura duns dez metros, aproximadamente. O accidente ocorreu esta mañá, sobre as 08:30 horas, nunha empresa situada no Polígono da Granxa, na localidade do Porriño.

Tras recibir a alerta de Urxencias Médicas, o CAE 112 Galicia informou á Garda Civil e a Protección Civil.

Accidente laboral na Coruña
Por outra banda, sobre as 09:00 horas,  tamén os servizos sanitarios informaban ao CAE 112 Galicia doutra caída de altura dun operario que desmontaba unhas casetas na explanada da Torre de Control Marítima da Coruña.

A Policía Nacional e os efectivos de Protección Civil da cidade foron informados do suceso. 

 

Efectivos de Protección Civil súmanse á procura da moza desaparecida na Pobra do Caramiñal

Efectivos de Protección Civil de Ribeira sumáronse hoxe ao operativo de busca -coordinado pola Garda Civil- da rapaza desaparecida dende a madrugada do pasado luns, en Xobre, na Pobra do Caramiñal.

Segundo explicou a Policía Local ao CAE 112 Galicia, a moza regresaba dunha festa cando foi vista por última vez, a un quilómetro aproximadamente, da vivenda onde veranea coa súa familia.

Dende que os seus familiares presentaron  a denuncia ante a Garda Civil, axentes da Policía Local e distintas agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Pobra, Porto do Son, Boiro e Ribeira, así como familiares e veciños colaboran na procura da rapaza.