Escuchar

Ferido ao caer dende un terceiro andar en Monterroso

Un home resultou ferido esta mañá en Monterroso ao precipitarse pola fiestra dende un terceiro andar. A vítima caeu a un patio de luces dun edificio situado na rúa Yebra de Ares. 

Unha persoa particular daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 9:20 horas desta mañá. Indicaba que o varón quedara tendido sobre unha claraboia. Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Chantada e ao GES de Monterroso. A Garda Civil tamén recibiu o aviso. 

Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que as condicións meteorolóxicas adversas impediron a intervención da aeronave. O home, que en todo momento permaneceu consciente, acabou sendo evacuado a un centro hospitalario nunha ambulancia. 

 

Rescatan unha persoa tras caer nunha zona de difícil acceso en Fisterra

Unha persoa foi rescatada esta mañá polos servizos de urxencia logo de caer nunha zona de difícil acceso na contorna da praia de Arnela, en Fisterra. A vítima rompeu unha perna e non era quen de moverse. 

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 9:00 horas de hoxe para informar da situación. O persoal do CAE 112 estableceu comunicación con Urxencias Médicas e cos Bombeiros de Cee. Tamén se alertou aos efectivos de Protección Civil e á Garda Civil. 

Unha vez localizada, a persoa ferida foi trasladada polos efectivos mobilizados ata a ambulancia. Acabou sendo evacuada a un centro sanitario. 

 

Segue a busca do home desaparecido no encoro do Eume

Durante esta mañá continuou a busca do home desaparecido onte no encoro do río Eume, despois de que a barca a remos na que viaxaba afundise. 

Durante esta mañá están a participar no operativo varios membros do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS). Ademais, varios efectivos de Protección Civil das Pontes están colaborando por terra coa Garda Civil. Os efectivos mobilizados levan traballando na zona dende primeira hora desta mañá, polo momento con resultado negativo. 

O home, de 31 anos e veciño das Pontes de García Rodríguez, viaxaba na embarcación con outras catro persoas, que puideron saír polos seus propios medios cando comezou a afundirse. Ningunha delas precisou asistencia sanitaria. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, todo apunta a que o varón desaparecido non sabía nadar.