Escuchar

Unha saída de vía deixa un ferido en Monforte

A saída de vía dun vehículo que circulaba pola N-120, punto quilométrico 523, en Monforte, saldouse esta mañá cunha persoa ferida.

Ademais, segundo indicou o alertante que chamou ao CAE 112 Galicia para pedir axuda, o turismo verteu combustible na calzada. Por iso, foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.

Así mesmo, ata o lugar desprazáronse o persoal sanitario e os axentes da Garda Civil de Tráfico. Todos eles, alertados polo 112 Galicia. Do mesmo xeito, informouse do suceso aos bombeiros de Monforte.

Dous feridos en Mos
Por outra banda, en Mos, dúas persoas requiriron asistencia sanitaria despois de sufrir un accidente na N-550, no punto quilométrico 151.800. As dúas persoas resultaron feridas despois de que o vehículo no que viaxaban se saíra da vía, e,  posteriormente chocara contra un muro.

Tras recibir a alerta dun particular, minutos antes das 08:00 horas de hoxe, o 112 Galicia pasou aviso a Urxencias Médicas, que desprazou unha ambulancia ao lugar do sinistro. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias, solicitou, ademais, a colaboración dos axentes de Tráfico e de Protección Civil, e , informou aos bombeiros de Baixo Miño. A intervención do persoal de mantemento da estrada tamén foi requirida.

Os dous feridos foron trasladados polo persoal sanitario ao Hospital Fátima de Vigo.