Escuchar

Recuperado o corpo do mozo desaparecido onte en Lourido

Ao fío das 10:30 horas de hoxe efectivos de Salvamento Marítimo comunicaron ao CAE 112 Galicia que fora localizado o corpo do mozo desaparecido onte en Lourido, mentres recollía percebes en compañía dun familiar. O cadáver foi atopado  pola Policía Local da localidade que xunto có resto dos servizos de emerxencia rastrexaban a zona. Un particular foi quen, minutos antes das 18:00 horas deste luns, pedía axuda ao 112 Galicia. Segundo constatou, o home, caera por un acantilado e unha ola o arrastrou, na enseada de Lourido, na localidade de Arteixo. A partir de aí, o 112 Galicia púxoo os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo que, dende ese intre, coordinou o operativo de busca.  Nese mesmo lugar,  os axentes, atoparon o corpo sen vida do mozo. Segundo informou Salvamento Marítimo ao CAE 112 Galicia, no punto atópase a embarcación Salvamar Mirfack, a Rio Jallas da Garda Civil e a zodiac de Protección Civil de Arteixo, así como varios efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil que recuperaron o corpo.  Por outra banda, cómpre sinalar que a Garda Civil e os efectivos de Protección Civil de Pontedeume continúan hoxe coas tarefas de busca do ancián que falta en Monfero dende o pasado venres. Un amplo operativo de busca foi posto en marcha dende que familiares e veciños denunciaron a súa desaparición. Numerosos efectivos de Protección Civil,  dos GES, Forzas da Orde, os cans da Asociación de Cans de Salvamento e Rescate de Ferrol, a Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), así como veciños e familiares do desaparecido, forman parte do operativo que, ata o momento desenvolveuse con resultados negativos.