Escuchar

Recuperado o corpo do home desaparecido no naufraxio na Illa de Tambo

Os GEAS (Grupo Especial de Actividades Subacuáticas) da Garda Civil recuperaron, este mediodía, o corpo sen vida do home que desaparecera tras o naufraxio do barco na Illa de Tambo. Posteriormente, o cadáver foi recollido por unha embarcación do Servizo de Gardacostas de Galicia. O 112 Galicia recibía a alerta do naufraxio ás 05:40 horas desta madrugada. De seguido, dende o Centro de Atención ás Emerxencias pasábase o aviso a Salvamento Marítimo, que desprazou ao punto unha embarcación e un helicóptero. Por terra participaron no dispositivo Urxencias Médicas, Garda Civil, Servizo de Gardacostas, GES de Sanxenxo e os membros de Protección Civil de Poio.

Un equipo do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) atende, nestes intres, aos familiares dos mariñeiros.

 

Unha colisión múltiple deixa tres feridos en Poio

Tres turismos colidiron esta mañá en Poio e tres persoas, entre elas un menor, resultaron feridas. O accidente ocorreu na PO-308, quilómetro 3.600, á altura do termo municipal de Poio. Ao fío das 09:30 horas, un particular pedía axuda ao 112 Galicia. Aseguraba que tres persoas precisaban asistencia sanitaria por mor dun choque múltiple que se acababa de producir na Avenida da Seca.

Neses intres, Urxencias Médicas tamén daba conta do accidente ao persoal do 112 Galicia que, decontado, pasou aviso ás Forzas da Orde, GES de Sanxenxo e aos membros de Protección Civil de Poio.

A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirida polo 112 Galicia.

 

Un incendio nunha casa en Rianxo mobiliza aos servizos de emerxencia

Un termóstato eléctrico puido ser a causa da orixe dun lume nunha casa (de dous-tres pisos) en Rianxo. O lume iniciouse nunha estancia da planta superior do edificio, situada en Taragoña, na AC-305, dirección Boiro. Os servizos de extinción de Boiro que acudiron ao lugar, tras ser alertados polo 112 Galicia, confirmaron que ardeu parte do teito do tellado e outros materiais. Non houbo que lamentar danos persoais.

O Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia (CAE 112) tivo constancia do incendio grazas á chamada dun particular que, ao redor das 09:15 horas de hoxe, circulaba por esa estrada e viu como saía fume polo tellado da casa. Foi a partir de aí, cando dende o 112 Galicia, se alertou aos Bombeiros de Boiro. Ademais, informouse aos Bombeiros de Ribeira, Policía Local e aos efectivos de Protección Civil de Rianxo.