Escuchar

Un operario resulta ferido ao caerlle un pino encima en Campo Lameiro

Un traballador que estaba cortando árbores resultou ferido ao caerlle encima un pino en Campo Lameiro. Os feitos producíronse nunha pista que enlaza coa estrada que une Campo Lameiro e Montillón.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través do aviso dun compañeiro do home ferido, ás 9:40 horas. Indicaba que a persoa accidentada estaba inconsciente, pero accesible. 

Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informouse decontado ao 061-Urxencias Sanitarias e á Garda Civil.

Debido á gravidade das feridas do operario, o persoal sanitario decidiu mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o lugar. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o traballador foi trasladado na aeronave ao Hospital Clínico de Santiago.

 

Unha colisión múltiple en Trasmiras sáldase cunha persoa ferida

Unha persoa resultou ferida nunha colisión na que se viron implicados catro coches esta mañá en Trasmiras. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser trasladada a un centro hospitalario.

O accidente produciuse na A-52, antes do enlace de Trasmiras, sentido Verín. Foron varios os particulares os que alertaron do sinistro ao 112 Galicia pasados uns minutos das 9:10 horas. Un deles indicaba no seu relato que o accidente ocorrera debido a que o sol cegara aos condutores dos turismos.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Xinzo e á Garda Civil de Tráfico.

Atropelo
Por outra banda, unha muller de avanzada idade resultou ferida ao ser atropelada esta mañá en Monforte de Lemos. Os feitos ocorreron na Praza de Abastos da localidade lucense.  Foi o persoal do 061-Urxencias Sanitarias quen alertaba do ocorrido ao 112 Galicia. Indicaban os técnicos sanitarios que a muller atopábase accesible.

A partir de aí, dende o CIAE 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento da Policía Local e Protección Civil.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia,  a muller foi atendida nunha ambulancia.