Escuchar

Excarceran unha persoa tras envorcar o seu coche en Ribadeo

Unha persoa resultou ferida esta tarde en Ribadeo tras envorcar o vehículo no que circulaba. A vítima tivo que ser liberada polos efectivos de emerxencia.

O accidente tivo lugar na N-634, preto da Rochela. Segundo os datos facilitados ao 112, ao coche acabou caéndolle unha árbore enriba.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 13:45 horas de hoxe para dar a voz de alarma. Segundo avanzou, no interior do vehículo había unha persoa atrapada.

Con estes datos, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse aos Bombeiros de Barreiros e a Urxencias Médicas. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez liberada, a vítima foi evacuada polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.

 

Dúas persoas feridas nun choque na ponte de Rande

Unha colisión entre dous coches acontecida na ponte de Rande, á altura de Redondela, deixa dúas persoas feridas. En concreto, o accidente produciuse en sentido Pontevedra, preto da saída da autoestrada cara a Moaña.

O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido ás 14:30 horas,  a través dunha alerta de Urxencias Médicas.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou dos feitos ao Servizo de Emerxencias de Redondela e á Garda Civil de Tráfico.

Accidente de tractor
Por outra banda, unha persoa resultou ferida esta tarde nun accidente de tractor rexistrado en Cospeito.

O sinistro tivo lugar no quilómetro 7 da LU-111, á altura da ponte do río Támoga. Foi unha persoa particular a que deu conta dos feitos ao 112 Galicia ás 17:50 horas desta tarde.

Dende a central do 112 alertouse a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Vilalba e á Garda Civil de Tráfico.