Escuchar

Buscan un peregrino canadense desaparecido na Costa da Morte

Os efectivos de emerxencia buscan na Costa da Morte un peregrino desaparecido dende onte.

O home, de 74 anos e nacionalidade canadense, tiña que volver onte ao albergue no que se hospedaba, en Cee. O responsable do centro chamou ao 112 Galicia ás 15:00 horas desta tarde para explicar a situación. Segundo indicou, o varón deixou alí as súas pertenzas e puxo rumbo a Fisterra.

Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 puxo en marcha un operativo de busca, no que están a participar a Garda Civil e a Policía Local de Cee. Despois de recibir o aviso do 112, Protección Civil de Fisterra tamén se sumou ao dispositivo.

 

Unha muller ferida en Ourense ao envorcar o seu coche

Unha muller resultou ferida esta tarde en Ourense despois de que o seu vehículo envorcase. O accidente produciuse na estrada OU-402, na contorna da depuradora de Reza.

A vítima logrou saír do vehículo coa axuda de varias persoas que nese intre transitaban pola zona.

Unha persoa particular deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 15:20 horas desta tarde. Explicou que acababa de ver como se producía o sinistro dende a fiestra da súa oficina.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 deu conta do ocorrido ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Ourense. O accidente tamén foi posto en coñecemento de Protección Civil.

Colisión na Estrada
Por outra banda, unha persoa resultou ferida na Estrada nunha colisión entre dous vehículos. Os feitos producíronse no quilómetro 13 da PO-841, preto do límite co termo municipal de Teo.

Foi unha persoa particular a que chamou ao 112 Galicia ás 14:30 horas desta tarde. Segundo o seu relato, o sinistro puido ser provocado por unha manobra incorrecta dun camión.

Dende a central de emerxencias do 112 informouse ao 061-Urxencias Sanitarias, ao GES da Estrada, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

 

Seguen os traballos de limpeza na zona afectada pola vertedura de Alcoa

A esta hora continúan os traballos de limpeza da vertedura de lodos rexistrada esta mañá na planta que Alcoa ten no concello lucense de Xove. Segundo se lle indicou ao 112, o operativo continuará nas vindeiras horas, coa previsión de que a situación quede totalmente normalizada mañá á mañá.

Durante esta tarde, o persoal da factoría e varios membros do GES de Cervo participaron no dispositivo, apoiados por dúas pás.

A rápida intervención dos efectivos de emerxencia evitou que a vertedura chegase a un río próximo. A contorna fluvial permanece protexida cunhas barreiras de contención, que mesmo impedirían que o leito se vise afectado aínda que chovese durante as próximas horas.  

A vertedura produciuse tras a rotura dunha tubaxe, segundo explicaron esta mañá ao 112 Galicia os responsables da empresa.