Escuchar

Arde un bar en Betanzos e se rexistran danos materiais no resto do edificio

Un bar situado na rúa Pozo en Betanzos ardeu por completo esta tarde. O incendio, que se orixinou no baixo do edificio, onde está situado o bar, tamén afectou ao resto do inmoble. Víronse danadas as galerías das tres plantas.  O local comezou a arder despois de que uns obreiros, que se atopaban facendo reformas no interior do bar, provocaran unha chispa mentres traballaban. Foi un operario o que, ás 15:50 horas, alertaba do incendio ao CAE 112 Galicia. Indicaba que todos eles atopábanse fóra do local. Un particular informaba tamén ao 112 Galicia de que podería haber dúas persoas maiores na primeira planta.

Decontado, dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Betanzos, á Policía Local e á Protección Civil de Betanzos, que se desprazaron ata o punto. A dotación dos Bombeiros, ao chegar, controlou e sufocou o lume. Tras extinguir o incendio, arrefriaron e ventilaron a zona. O 112 Galicia informou do incendio ,tamén, a Urxencias Médicas. Ningunha persoa viuse afectada.

 

Un recén nacido resulta ileso nun accidente entre dous vehículos en Cambados

Un recén nacido resultou ileso esta tarde nunha colisión por alcance en Cambados. O accidente tivo lugar na VG-4.3, na saída da Illa de Arousa. Un particular informaba da colisión ao Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia ás 14:15 horas. Indicaba no seu relato que os vehículos atopábanse na beiravía.

Decontado, o 112 Galicia poñía o accidente en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, da Protección Civil  de Vilanova de Arousa e dos Bombeiros de Ribadumia, que saían cara o lugar. Ao chegar, constataron que o recén nacido e as demais persoas implicadas atopábanse ilesas. Requiriron, por precaución, os servizos de Urxencias Médicas, que desprazou unha ambulancia ata o punto para comprobar o seu estado de saúde.

Accidente múltiple en Vigo
Unha colisión múltiple en Vigo saldouse cunha persoa ferida. No accidente, que tivo lugar na rúa Pi I Margall, víronse implicados tres turismos. O ferido foi trasladado por Urxencias Médicas a un centro hospitalario. Un particular informaba do suceso ao 112 Galicia ás 16:50 horas.

Axiña, o Centro de Atención ás Emerxencias informou do accidente, tamén, aos Bombeiros de Vigo e á Policía Local, que se achegaron ata o punto.