Escuchar

Aparece o cadáver dun home que se buscaba dende o pasado 22 de abril en Monfero

Os veciños atoparon este mediodía o corpo sen vida dun septuaxenario desaparecido do seu domicilio o pasado 22 de abril. Foi localizado no monte, a escasos quilómetros da súa casa, na Illa, en Monfero. Dende que se denunciou a súa desapareción, os corpos e forzas de seguridade, membros do GES, voluntarios de Protección Civil de diversos concellos da contorna, os cans de rescate e mesmo o persoal da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que puxo a disposición os seus drons, participaron nos operativos de busca, que se prolongaron ata estes últimos días. Hoxe, finalmente, foi localizado polos veciños nunha zona de difícil acceso, próxima ao seu domicilio.