Escuchar
Un accidente de moto se salda con dúas persoas feridas en Santiago de Compostela
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta tarde a dúas persoas que sufriron unha caída de moto cando circulaban pola AP-9, quilómetro 64, en sentido Coruña. Testemuñas do accidente aseguraron ao CAE 112 Galicia que un dos feridos estaba inmóbil á beira da autoestrada. Pese á gravidade do impacto, os efectivos de Urxencias Médicas confirmaron que ambas as dúas persoas foron trasladadas con vida ao hospital. Ás 16:30 horas de hoxe, varios particulares alertaron ao 112 Galicia, que, ademais dos servizos sanitarios de urxencia, solicitou a presenza da Garda Civil de Tráfico.
 
Falece unha muller en A Veiga despois de que caera á auga o vehículo que manexaba
Unha muller faleceu esta tarde no concello ourensán da Veiga despois de que o turismo que conducía caera ao encoro de San Fiz. Tras a alerta dun particular, o CAE 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Valdeorras, que rescataron á vítima e recuperaron o vehículo. Igualmente, confirmaron que era a única persoa que ía no coche no momento de sufrir o accidente. Ademais dos efectivos do parque comarcal, o 112 Galicia pediu axuda ao GES de Valdeorras, á Garda Civil de Tráfico, Protección Civil da Veiga e Urxencias Médicas.
 
Un traballador caeu dende un poste da luz en Mesía
O helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela trasladou esta tarde a un traballador que resultou ferido de gravidade ao precipitarse dende un poste eléctrico na parroquia de Cumbraos, no concello coruñés de Mesía. Ás 15:50 horas de hoxe, un particular alertou ao 112 Galicia, que pediu a colaboración de Urxencias Médicas, Garda Civil e GES de Curtis.
 
Unha muller é atropelada en Moaña mentres agardaba o autobús
Unha muller foi atropelada esta tarde por un vehículo que se saíu da vía na PO-551, quilómetro 29, en Moaña. Segundo explicaron testemuñas do accidente, a muller agardaba ao autobús cando o turismo bateu contra a parada. Ademais da muller atropelada, os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a unha persoa máis ao Hospital Perpetuo Socorro de Vigo. Os particulares que alertaron ao CAE 112 Galicia aseguraron que no coche viaxaban dúas persoas e, ademais da ferida, na parada había máis xente agardando o autobús. Tras recibir a alerta ás 17:30 horas de hoxe, o Centro de Atención ás Emerxencias pediu a colaboración de Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico e Policía Local.