Escuchar

Arde un alpendre en Mondariz

Un incendio declarado esta tarde nun alpendre en Mondariz provocou que a construción ardese case por completo. Ademais, o lume calcinou diversos aveños e maquinaria agrícola que se encontraba no seu interior.

Os feitos ocorreron no lugar de Cernadela, na parroquia de Riofrío.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio a través da alerta dun particular ás 13:25 horas. Indicaba no seu relato que o lume podía alcanzar unha casa lindeira, na que, nese momento, ninguén se atopaba dentro.

Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso aos Bombeiros do Baixo Miño e ao GES e Bombeiros de Ponteareas. Tamén se alertou á Garda Civil.

Finalmente, os servizos de emerxencia sufocaron o lume e arrefriaron os puntos quentes. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a casa non se viu afectada.

Incendio en Brión
Ademais, en Brión, un incendio provocou danos esta tarde nunha palleira onde se acumulaban varios rolos de herba seca.

Foi un particular quen daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 15:40 horas. Indicaba que o incendio tiña lugar na Graña, na parroquia de Cornanda. Engadía que ningunha persoa resultara afectada.

Nese momento, o persoal do CIAE 112 Galicia alertaba aos Bombeiros de Santa Comba, ao GES de Brión e á Garda Civil.

Nestes momentos, os efectivos de emerxencia traballan na extinción do lume.