Escuchar

Liberada unha persoa tras envorcar o seu vehículo en Monforte

Unha persoa foi liberada despois de envorcar o vehículo no que viaxaba en Monforte. O accidente tivo lugar na estrada que une Monforte e As Nocedas. O 112 Galicia recibía a alerta do sinistro por parte dun particular ás 14:45 horas.

Decontado, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso a Urxencias Médicas, a Protección Civil, aos Bombeiros de Monforte e á Garda Civil de Tráfico, que se desprazaron ao lugar. A dotación dos Bombeiros achegou un equipo de excarceración co que liberaron ao ocupante do turismo. Posteriormente, a vítima foi trasladada por Urxencias Médicas ao centro hospitalario de referencia.

 

Unha saída de vía sáldase cunha persoa ferida no Pino

Unha persoa resultou ferida ao saírse da vía o vehículo que conducía no Pino. O turismo saíuse da calzada e bateu cunha arqueta na parroquia de Lardeiros, concretamente no lugar de Marquiño. Segundo un particular, que alertou ao 112 Galicia ás 16:40 horas, o ferido estaba atrapado e inconsciente no interior do vehículo.

Entonces, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informou a Urxencias Médicas, que desprazou o helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o punto. Tamén se pasou o aviso á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Arzúa, que se achegaron ao lugar cun equipo de excarceración. Finalmente, o ferido puido saír polos seus propios medios e descartouse o seu traslado no helicóptero. Foi atendido no punto polos servizos sanitarios.

 

Unha persoa trasladada en helicóptero despois de precipitarse dun tellado en Lalín

Un home foi evacuado no helicóptero medicalizado con base en Santiago tras caer dun tellado en Lalín. O varón foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Os feitos tiveron lugar na parroquia de Cercio, concretamente no lugar de Chares. Urxencias Médicas alertaba do suceso ao 112 Galicia ás 12:50 horas.

Axiña, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informaba do acontecido aos axentes da  Garda Civil, aos efectivos do GES de Lalín e aos membros de Protección Civil da localidade.