Escuchar

Tres persoas feridas nunha colisión entre tres coches en Carballo

Un accidente múltiple rexistrado a primeira hora desta tarde en Carballo deixa tres persoas feridas.  Aínda que ningunha estaba atrapada, os Bombeiros de Carballo axudaron aos efectivos sanitarios a sacar ás persoas do interior dos coches. O sinistro produciuse no quilómetro 25 da AC-413, a estrada que une a localidade con Ordes, á altura do lugar de Sofán. Unha persoa alertou ao 112 Galicia ás 15:40 horas. Segundo explicou, un dos tres vehículos implicados estaba estacionado á beira da vía cando se produciron os feitos. Nada máis coñecer estes datos, os profesionais do CAE 112 Galicia informaron a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Carballo, que se desprazaron ao punto cun equipo de excarceración. Tamén se deu conta do sinistro a Protección Civil, á Garda Civil de Tráfico e aos profesionais da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), para que se procedese á limpeza da vía. Por outra banda, hai uns minutos, unha persoa resultou ferida de carácter leve noutra colisión entre tres vehículos en Ames. O sinistro aconteceu na avenida Rosalía de Castro dese municipio. Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia contra as 18:45 horas desta tarde para informar do accidente. Os efectivos do Centro de Atención ás Emerxencias informaron dos feitos a Urxencias Médicas, á Policía Local e ao GES de Brión.

 

Unha persoa trasladada en helicóptero despois de recibir a cornada dunha vaca

Unha persoa resultou ferida hoxe en Pedrafita do Cebreiro logo de recibir a cornada dunha vaca. A vítima do ataque foi trasladada a un hospital no helicóptero medicalizado con base en Santiago. Os feitos producíronse nunha propiedade do lugar de Fonteferreira. O 112 Galicia recibiu o aviso do acontecido minutos antes das 14:00 horas de hoxe. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias informou ao GES de Becerreá e á Garda Civil. Ademais do helicóptero medicalizado, ata o lugar tamén se desprazou unha ambulancia.