Escuchar

Arde a planta baixa dunha casa en Monforte de Lemos

O 112 Galicia tivo constancia dun incendio rexistrado nunha casa en Monforte de Lemos. O lume declarouse na planta baixa do inmoble, situado na rúa Castelao, á altura do número 19.

Foi o propietario da vivenda quen alertou do incendio ao 112 ás 16:00 horas. A central do 112 Galicia recibía, ademais, a chamada dunha particular, na que indicaba que os veciños axudaron a saír por unha fiestra da casa a dúas persoas.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, no inmoble lindeiro podería terse producido unha fuga de gas, polo que, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, pasouse o aviso á empresa subministradora. Polo momento descoñécese se o lume foi a causa do escape.

Ademais, o persoal do CIAE 112 Galicia informou dos feitos aos Bombeiros de Monforte, á Policía Local, a Protección Civil e ao 061-Urxencias Sanitarias.

Nestes intres, a dotación traballa na extinción do incendio. O lume xa está controlado.