Escuchar

Recuperan o corpo dun home que fondeaba unha baliza para unha regata en Vilagarcía

Os efectivos de emerxencia recuperaron esta tarde o cadáver dun home na ría de Arousa. A vítima estaba a fondear unha baliza na chegada dunha regata, que se celebraba entre Marín e Vilagarcía.

Un dos responsables da proba deportiva chamou ao 112 Galicia ás 14:30 horas desta tarde. Explicou que o varón falecido dirixírase nunha embarcación pneumática a colocar un contrapeso a uns 300 metros da zona de Porrón. Segundo engadiu, pouco despois decatáronse de que na lancha non había ninguén, polo que se achegaron ata o punto noutra embarcación. Foi entón cando atoparon o corpo da vítima aboiando na auga. 

Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se informou a Urxencias Médicas, ao Servizo Municipal de Emerxencias, a Protección Civil, á Policía Nacional e á Garda Civil.

Unha embarcación do Servizo Municipal de Emerxencias recuperou o corpo. Os efectivos sanitarios só puideron confirmar a súa morte, malia os intentos por reanimalo. 

Salvamento Marítimo decidiu mobilizar o Pesca 1 e a Salvamar Sargadelos, aínda que a súa intervención quedou anulada unha vez se confirmou o rescate do cadáver. 

 

Evacúan en helicóptero unha persoa tras cortarse cunha radial 

Unha persoa resultou ferida esta tarde en Beariz despois de cortarse nun brazo cunha radial. Foi evacuada en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. 

Os feitos tiveron lugar nunha propiedade do lugar da Bouza.

A propia vítima chamou ao 112 Galicia ás 16:20 horas de hoxe para dar conta do ocorrido. Acto seguido, dende a central de emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas, que decidiu mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Tamén se informou ao GES de Avión, a Protección Civil e á Garda Civil. 

 

Un incendio nunha casa en Santa Comba deixa diversos danos materiais

Un incendio decretado esta tarde nunha casa de Santa Comba ocasionou diversos danos. O lume iniciouse nunha cheminea. As lapas estendéronse a unha habitación, provocando o derrubamento do seu teito. O resto da vivenda viuse afectada polo fume. 

A propiedade na que se rexistrou o incendio sitúase en Rieiro, na parroquia de Arantón. Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 14:45 horas desta tarde para dar a voz de alarma. 

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou aos Bombeiros do Xallas. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil.