Escuchar

Resulta ferido o condutor dun coche que bateu contra unha casa en Oza-Cesuras

Un vehículo bateu esta tarde contra unha casa no concello de Oza-Cesuras. O accidente produciuse ás 14:30 horas de hoxe na AC-840, que une o concello coruñés co veciño de Curtis, concretamente, no lugar de Burricios. Como consecuencia do golpe, a persoa que conducía o turismo perdeu a consciencia e mesmo quedou atrapada no interior do vehículo. Os Bombeiros de Betanzos retiraron unha das portas do coche para que os profesionais sanitarios puidesen acceder ao ferido. Pouco a pouco, volveu en si e foi trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. A partir de aí, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos servizos sanitarios de urxencia, aos bombeiros, aos membros do GES de Curtis e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Tamén acudiu o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas, que se ocupou de limpar os restos do accidente que quedaron ciscados pola calzada.

Dúas persoas feridas en Teo
Dous vehículos colidiron frontalmente na DP-0205, ao paso polo concello de Teo. En concreto, o sinistro ocorreu no lugar de Casalonga, en dirección a Osebe, ao fío das 13:30 horas de hoxe. A causa do impacto, un dos coches envorcou e os dous ocupantes tiveron dificultades para saír. Os membros do GES da Estrada lles axudaron a abandonar o vehículo e, deseguido, foron atendidos polos servizos sanitarios de urxencia.

Pola contra, os ocupantes do outro turismo implicado puideron saír polos seus propios medios e resultaron ilesos.

Varias persoas contactaron co 112 Galicia para informar do accidente. A continuación, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias activou un operativo no que participaron os membros do GES da Estrada, os Bombeiros de Ordes e os axentes da Policía Local e da Garda Civil.

Tamén foron informados os Bombeiros de Santiago e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Teo.

Colisión múltiple en Cabanas
Seis vehículos colidiron esta tarde no concello de Cabanas. Como consecuencia do golpe, tres persoas necesitaron asistencia médica, aínda que os axentes da Garda Civil confirmaron que todos presentaban feridas leves. O accidente rexistrouse ás 16:30 horas de hoxe preto da Curva do Gaiteiro, na estrada de Ferrol en dirección a Pontedeume.

Tras a chamada dun veciño, o persoal do 112 Galicia informou a Urxencias Médicas, os Bombeiros do Eume, ao GES de Mugardos e á Garda Civil de Tráfico.

Un menor atropelado en Arteixo
Un rapaz duns dez anos de idade foi alcanzado por un turismo cando cruzaba por un paso de peóns. Sucedeu ás 14:30 horas de hoxe na Travesía de Meicende, en Arteixo. O menor foi evacuado ao hospital por unha ambulancia de Urxencias Médicas.

Pola súa banda, os xestores do CAE 112 Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros de Arteixo e dos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil. Tamén foron informados os axentes da Policía Local.