Escuchar

Evacuada en helicóptero unha nena tras ser atropelada en Bueu

Unha nena foi evacuada esta tarde en helicóptero tras ser atropelada nun paso de peóns, en Bueu. A vítima foi trasladada, con vida, ao hospital Álvaro Cunqueiro.

O sinistro tivo lugar na estrada da praia de Loureiros. Foi unha persoa particular a que explicou o ocorrido ao 112 Galicia ás 13:20 horas de hoxe.

Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse decontado ao 061. Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar ata o punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Ademais, dende a central de emerxencias tamén se alertou aos Bombeiros do Morrazo, a Protección Civil e á Policía Local.

 

Un accidente en Pantón sáldase con catro persoas feridas

Unha colisión entre unha furgoneta e un turismo deixa catro persoas feridas, en Pantón.

O choque rexistrouse na estrada que une Ferreira de Pantón con Escairón, no cruce de Viamondi.

Unha persoa particular alertou ao 112 Galicia ás 15:15 horas. Na súa chamada xa avanzaba que o número de persoas feridas ascendía a catro.

Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 deu conta do sinistro ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Monforte e á Garda Civil de Tráfico.

A circulación na zona viuse condicionada durante esta tarde, xa que os vehículos implicados no sinistro obstruíron parcialmente a vía.

 

Tres persoas feridas en Pontecesures nun choque entre dous turismos

Unha colisión entre dous coches, ocorrida esta tarde en Pontecesures, deixa un balance de tres persoas feridas.

Foi unha persoa particular a que alertou ao 112 Galicia, ás 14:25 horas de hoxe. Segundo explicou, o accidente tivera lugar na N-550, no quilómetro 84.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 informou da situación ao 061-Urxencias Sanitarias, ao GES de Valga, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, tralo sinistro a estrada estivo cortada por completo mentres se levaban a cabo tarefas de mantemento.

 

Unha saída de vía deixa tres persoas feridas en Palas de Rei

Unha saída de vía, rexistrada esta tarde en Palas de Rei, deixa tres persoas feridas. O sinistro tivo lugar na N-547, a estrada que conecta a localidade con Guntín, á altura das Ramplas.

O 112 Galicia tivo coñecemento da situación ás 17:40 horas, a través dun aviso do 061-Urxencias Sanitarias.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia alertou dos feitos ao GES de Monterroso, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.