Escuchar

Os bombeiros de Carballo colaboraron pasa sacar a dúas persoas dun turismo envorcado

Os bombeiros axudaron a dúas persoas a saír do seu vehículo sinistrado na AC-414, ao paso polo concello coruñés de Carballo. O accidente produciuse uns minutos antes das tres desta tarde concretamente no lugar de Xoane. 

Un coche se saíu da vía e acabou envorcando na estrada que vai cara a Malpica. As dúas persoas que viaxaban no interior tiñan dificultades para abandonar o vehículo, así que o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros de Carballo. 

Os efectivos do parque comarcal sacaron aos feridos e axudaron a estabilizalos. Finalmente, foron evacuados nunha ambulancia de Urxencias Médicas.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar do accidente. Decontado, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos bombeiros, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do servizo local de Protección Civil. Igualmente, puxeron os feitos en coñecemento dos equipos de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas co obxectivo de eliminar os restos do accidente e restablecer a seguridade na vía. 

Motorista ferido en Santiago
Por outra banda, en Santiago de Compostela, un motorista resultou ferido despois de sufrir unha caída na estrada en dirección a Figueiras.  

Ao lugar do accidente acudiron os profesionais de Urxencias Médicas, axentes de seguridade e membros de Protección Civil. Os servizos de emerxencias mobilizáronse logo de recibir o 112 Galicia a chamada dunha persoa particular. Eran as 13:30 horas de hoxe.