Escuchar

Un home perdeu a vida en Pol cando traballaba na súa finca

Un home faleceu esta tarde en Pol mentres retiraba broza da súa finca. Foi localizado, tendido no chan, pola súa dona, que saíu a pedir axuda.

Sucedeu ás 15:30 horas de hoxe no lugar de Vilamide, no concello lucense de Pol. Casualmente, uns membros das brigadas forestais da zona pasaban por alí e botaron unha man á muller. Chamaron ao 112 Galicia e pediron asistencia médica urxente para o señor.

Os profesionais de Urxencias Médicas, alertados polo persoal do 112, acudiron ao lugar e pouco despois confirmaron o falecemento do home.

Polo momento, descoñécense as causas do falecemento, aínda que barallan a posibilidade de que o home fose golpeado por unha árbore ao caer.

Ademais dos servizos sanitarios, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos axentes da Garda Civil.

 

A AXEGA envía unha segunda nodriza ás Neves

A Axencia Galega de Emerxencias enviou hoxe unha segunda nodriza ás Neves para seguir colaborando no subministro de auga á poboación.

Os responsables municipais decidiron pechar a captación no Río Termes porque as choivas dos últimos días arrastraron cinza dos montes queimados e alteraron a calidade da auga.

Así, os veciños quedarían sen subministro en poucas horas e pediron a axuda da AXEGA, que enviou unha primeira nodriga en colaboración co Distrito de Incendios Forestais da zona.

A auga que transportan os efectivos do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias nas cisternas é limpa e necesita pasar un proceso de potabilización antes de dar subministro aos veciños.

Tres nodrizas operativas
En total, son tres as nodrizas que circulan entre Entrimo (Ourense) e As Neves (Pontevedra). Dúas se atopan agora no concello pontevedrés. A terceira se desprazou esta mañá ao concello ourensán.

Onte, os responsables do Goberno entrimeño se puxeron en contacto coa AXEGA, a través do 112 Galicia, para informar da mesma situación. Os restos de combustión arrastrados polas choivas dende os montes chegaban ao río, onde o Concello fai a captación para dar subministro á poboación.

A escasez de abastecemento era acusado, especialmente, nas aldeas de Olellas e Terrachá, sinalou o xefe do Goberno local. Así, para alí partiu esta mañá unha nodriza que estivo dando servizo aos veciños.    

 

O helicóptero trasladou a un operario golpeado por unha pedra en Toén

Un operario sufriu un accidente mentres traballaba nunha canteira de granito en Toén. Ocorreu pouco antes da unha desta tarde, concretamente, na parroquia de Mugares.

Unha pedra caeu enriba do traballador, que, pese ao golpe, estaba liberado e accesible. O ferido foi trasladado uns minutos máis tarde ao Complexo Hospitalario de Ourense a bordo do helicóptero medicalizado.

Os profesionais de Urxencias Médicas informaron do suceso ao persoal do 112 Galicia, que solicitou a colaboración dos voluntarios de Protección Civil e dos axentes da Garda Civil.