Escuchar

Dúas persoas resultaron feridas graves en senllos accidentes rexistrados en Taboadela e Porto do Son

Unha muller e un home resultaron feridos de gravidade en senllos accidentes que tiveron lugar en Taboadela e Porto do Son.

O máis recente produciuse ás catro desta tarde no concello ourensán. Unha muller quedou atrapada dentro dun turismo despois de bater con outro na estrada que une o Polígono de San Cibrao das Viñas con Allariz.

A ferida foi liberada polos membros do GES de Pereiro de Aguiar e, posteriormente, trasladada ao Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU). Segundo indicaron os servizos de emerxencias, a muller presentaba lesións graves en tórax e pernas.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Deseguido, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias avisaron aos membros do GES de Pereiro de Aguiar e aos axentes da Garda Civil.

Tamén solicitaron a colaboración dun equipo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento. Como consecuencia do accidente, derramáronse aceite e combustibles.

Un motorista grave en Porto do Son
Un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Santiago trasladou esta tarde a un motorista en estado grave. Sufriu un accidente co seu vehículo no cruce da Aguieira, en Porto do Son, arredor das 13:30 horas.

As persoas que chamaron ao 112 Galicia explicaron que se produciu unha colisión entre unha moto e un coche. O motorista quedou tendido na calzada e parecía estar gravemente ferido, sinalaron.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia informou ao servizo sanitario de urxencia, aos Bombeiros de Ribeira e aos axentes da Garda Civil de Tráfico. Tamén avisaron aos equipos de limpeza da Axencia Galega de Infraestrutras.

Tres feridos en Neda
Unha colisión entre un coche e un camión deixou tres persoas feridas en Neda. O accidente tivo lugar na Avenida de Algeciras uns minutos antes da unha da tarde.

O camión ía baleiro no momento de producirse o accidente e algunha das persoas que alertaron ao persoal do 112 Galicia asegurou que entre os feridos había algún menor.

Dende o CAE se informou aos membros do GES de Mugardos, Bombeiros de Ferrol e profesionais sanitarios.