Escuchar

Morre un home ao ser atropelado por un autobús en Vilaboa

Un home duns 65 anos faleceu esta tarde no concello pontevedrés de Vilaboa tras ser atropelado por un autobús escolar. O vehículo ía baleiro, xa que no momento no que se produciu o accidente ía camiño dun colexio recoller nenos.

O sinistro tivo lugar na estrada de Vilaboa, á altura da parroquia de Santa Cristina de Cobres. Unha persoa particular chamaba ao 112 ás 14:45 horas para dar conta dos feitos. Segundo o seu relato, a vítima permanecía inconsciente. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias explicou a situación a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Morrazo. Tamén se alertou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.  

 

Excarcerado o condutor dun camión do lixo ao que lle caeu enriba unha columna

Os Bombeiros liberaron ao condutor dun camión do lixo que esta tarde sufriu un accidente en Boiro. O vehículo chocou contra unha columna de pedra, que acabou caéndolle enriba. O home quedou atrapado no interior do vehículo.

Os feitos tiveron lugar enfronte ao cemiterio municipal da localidade. Unha persoa particular explicaba os feitos ao 112 Galicia minutos antes das 14:00 horas de hoxe. Segundo dixo aos operadores da central de emerxencias, o home quedara atrapado despois de que lle caera enriba unha viga de pedra de grandes dimensións.

Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias alertaron aos Bombeiros de Boiro e aos de Ribeira. Tamén se estableceu comunicación con Urxencias Médicas, aínda que despois de ser liberada, a vítima rexeitou recibir asistencia sanitaria. Por último, a situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Policía Local.

 

Un motorista ferido grave ao chocar contra un coche en Ourense

Un motorista resultou ferido de gravidade hoxe en Ourense ao sufrir un accidente de tráfico. A súa moto esnafrouse contra un coche cando circulaba pola rúa Progreso da cidade.

O 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular ás 13:30 horas de hoxe. Acto seguido, os profesionais do Centro de Atención as Emerxencias informaron a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Ourense. Tamén se alertou a Protección Civil e á Policía Local.

Caída de moto
Tamén en Ourense, dúas persoas resultaron feridas esta tarde ao caer da moto na que viaxaban. Os feitos producíronse na rúa Alejandro Pedrosa.

Os efectivos sanitarios alertaban ao 112 Galicia ás 17:30 horas desta tarde. Dende a central de emerxencias informouse aos Bombeiros da cidade, a Protección Civil e á Policía Local.