Escuchar

Morre unha muller ao chocar contra un camión en Ourense

Unha persoa faleceu e outra resultou ferida nunha colisión entre un coche e un camión en Ourense. A vítima mortal é a condutora do turismo. Os Bombeiros tiveron que liberar o seu cadáver do interior do vehículo. Pola súa banda, a persoa ferida foi trasladada nunha ambulancia a un centro sanitario. En concreto, os feitos producíronse na estrada N-120, á altura do quilómetro 563. O 112 Galicia recibiu o aviso dos feitos ás 13:50 horas desta mañá. Decontado, o persoal do CAE 112 Galicia alertou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Ourense. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

 

Unha persoa ferida nunha colisión múltiple en Baiona

Un accidente no que se viron implicados tres vehículos deixa unha persoa ferida. Aconteceu en Baiona, na avenida de Sabarís. Dous vehículos sufriron unha colisión e acabaron chocando contra outro que estaba estacionado na rúa. Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia contra as 15:15 horas desta tarde. Os profesionais do CAE 112 Galicia deron o aviso a Urxencias Médicas. Os efectivos sanitarios trasladaron a unha persoa nunha ambulancia ata un centro sanitario. Os feitos tamén foron postos en coñecemento do GES do Val Miñor e da Policía Local.

 

Rescatan con vida un home que caeu nun regato en Riós

Un home foi rescatado esta tarde en Riós despois de caer nun regato. Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 16:15 horas para alertar de que acababa de atopar unha persoa tirada na auga, inconsciente pero con vida. Segundo indicou, o regato sitúase na contorna da estrada que une A Chaira con Cortegada. O persoal do CAE 112 Galicia deu conta dos feitos a Urxencias Médicas, que decidiu mobilizar ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Ourense e unha ambulancia. Tamén se alertou a Protección Civil e á Garda Civil. O home recibiu asistencia médica despois de que os efectivos de Protección Civil o sacasen da auga.