Escuchar

Evacuado en helicóptero un motorista ferido na Cañiza

Unha colisión entre un coche e unha moto, sáldase co motorista ferido. A vítima tivo que ser evacuada nun helicóptero a un centro hospitalario. 

O sinistro tivo lugar no quilómetro 614 da N-120, na contorna da Casa da Cultura da localidade. Foi unha persoa particular a que chamou ao 112 Galicia, ás 16:20 horas desta tarde. Segundo indicou, o motorista permanecía tendido no chan. 

Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertou ao 061. Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar ata o punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Ademais, dende o 112 tamén se alertou ao GES de Ponteareas, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

Ferido en Ourense 
Ademais, en Ourense, outro motorista resultou ferido despois de verse implicado nun accidente cun furgón. Segundo se lle indicou ao 112, o seu condutor non prestou axuda á vitima e continuou a súa marcha. 

Os feitos tiveron lugar na rúa Basilio Álvarez. Foi unha persoa particular a que contactou co 112 Galicia ás 15:40 horas para explicar a situación. 

Dende o CIAE do 112 informouse aos Bombeiros de Ourense, á Policía Local e a Protección Civil. 

 

Un incendio calcina unha pa cargadora dentro dunha nave das Pontes

Un incendio, declarado hoxe nunha nave industrial das Pontes de García Rodríguez, calcinou por completo unha pa cargadora. Os feitos tiveron lugar no interior das instalacións, situadas  no polígono de Penapurreira. 

Foi unha persoa particular a que deu a voz de alarma ao 112 Galicia, ás 13:00 horas de hoxe. Segundo explicou, a pa estaba a perder combustible e non era quen de sufocar as lapas. 

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informou aos Bombeiros do Eume, a Protección Civil e á Garda Civil. O 061 tamén foi alertado, por precaución, aínda que finalmente os efectivos sanitarios non tiveron que intervir.