Escuchar

Rescatado dunha piscina un menor con síntomas de afogamento

Un neno de sete anos foi rescatado hoxe dunha piscina en Lalín cando se estaba a afogar. O menor, que participaba nun campamento urbano da localidade, foi evacuado nun helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, no momento do traslado o rapaz estaba consciente. Unha monitora do campamento chamou ao 112 Galicia ás 12:30 minutos desta mañá para pedir axuda. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 estableceu comunicación con Urxencias Médicas, que mobilizou ata a capital do Deza o helicóptero medicalizado con base en Santiago.  O 112 Galicia tamén alertou ao GES de Lalín, á Policía Local e a Protección Civil. Varios efectivos destes corpos participaron no operativo, para axudar ao traslado do neno.

 

Un home excarcerado despois de envorcar co tractor en Oleiros

Un home resultou ferido esta tarde en Oleiros tras envorcar co seu tractor. O sinistro produciuse nunha leira situada na Agra da Pedra, na parroquia de Serantes. O home acabou sendo liberado polos efectivos de emerxencia. Unha persoa alertou da situación ao 112 Galicia ás 16:00 horas desta tarde. Indicou que o tractor sinistrado caeu por un desnivel e foi parar a unha zona de difícil acceso, na beira dun río. Segundo engadiu, o seu condutor quedou atrapado debaixo, encaixado contra un noiro de terra. O persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Médicas e dos Bombeiros de Arteixo.  Tamén se informou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil. Ata o lugar desprazouse amais unha dotación dos Bombeiros da Coruña. Despois de excarcerar ao home, o tractor foi retirado do desnivel coa axuda dun guindastre.

 

Un home sofre queimaduras tras tentar apagar un incendio na súa cociña

Un veciño de Viveiro sufriu queimaduras nas mans despois de tentar apagar un incendio de escasas dimensións rexistrado na súa vivenda. O lume orixinouse na campá extractora da cociña e tamén danou algún moble próximo. O piso afectado sitúase nun edificio da avenida de Ferrol. Foi a filla do home ferido o que alertou do incendio ao 112 Galicia. Os profesionais do CAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Viveiro, do Grumir da localidade, de Protección Civil e da Policía Local. Urxencias Médicas, tamén a través do aviso do 112, trasladou ao home a un hospital.

 

Unha colisión obriga a cortar durante horas a N-640, na Estrada

O condutor dun turismo resultou ferido hoxe despois de sufrir unha colisión  contra un camión. Aconteceu na Estrada, na N-640, á altura do quilómetro 208, preto do Alto da Cruz. O sinistro obrigou ao peche da estrada durante máis de catro horas. Unha persoa particular informaba do accidente ao 112 Galicia ás 12:40 minutos desta mañá. Os profesionais do 112 alertaron a Urxencias Médicas. Tamén se deu conta dos feitos aos Bombeiros do Salnés, ao GES da Estrada, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.  O camión implicado quedou obstruíndo a circulación e vertendo aceite á calzada. Os efectivos mobilizados traballaron durante horas para recuperar a normalidade na vía. O operativo rematou minutos despois das 17:00 horas desta tarde, momento no que a estrada reabriu á circulación.

 

Arde un pesqueiro nun estaleiro de Pontevedra

Un barco pesqueiro ardeu hoxe nun estaleiro situado en Praceres, en Pontevedra. A embarcación estaba nun dique seco cando se iniciou o lume. O incendio puido orixinarse na bodega do barco. Ninguén resultou ferido. Varias persoas contactaron co 112 Galicia sobre as 13:15 horas para alertar de que estaban a ver moito fume saíndo do pesqueiro. De feito, o 112 contactou coa Garda Civil de Tráfico por se o fume puidera acabar afectando á autovía que une a cidade con Marín, aínda que finalmente esa situación non se chegou a producir. O persoal do CAE 112 Galicia tamén puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Pontevedra. Tamén se informou á Autoridade Portuaria de Pontevedra, á Policía Local, a Protección Civil e á Garda Civil. Os Bombeiros da cidade, axudados polos do Morrazo, deron por extinguido o incendio contra as 17:30 horas desta tarde. Na zona continúan algúns efectivos refrescando a embarcación, para evitar que o lume reavive.