Escuchar

Rescatan os tres tripulantes dun pesqueiro afundido en cabo Prior

Rescatados en bo estado os tres tripulantes do pesqueiro “Olisan”, afundido na zona do cabo Prior, en Ferrol. Segundo se lle indicou ao 112, a embarcación foi a pique contra as 14:45 horas desta tarde.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través dunha alerta de Salvamento Marítimo. Segundo os datos facilitados, no operativo de rescate participaron o helicóptero Helimer 209 e a  Salvamar Betelgeuse.

Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse do naufraxio ao Servizo de Gardacostas de Galicia, a Urxencias Médicas, A Protección Civil de Ferrol, á Garda Civil e á Policía Nacional.

Os tres tripulantes do pesqueiro foron trasladados ao porto da Coruña, onde xa agardaba por eles unha ambulancia.

 

Localizan a través do WhatsApp un home ferido nun accidente en Noia

Un home resultou ferido esta tarde nun accidente de tráfico en Noia. A vítima sufriu o contratempo mentres estaba a facer unhas manobras nun camiño de Nimo, na parroquia de Roo.

Foi o propio condutor accidentado o que contactou co 112 Galicia ás 14:20 horas desta tarde. Explicou que acababa de sufrir un accidente, pero que descoñecía a súa localización exacta. Ante esta situación, a vítima enviou a súa localización ao 112 a través de WhatsApp, o que permitiu aos efectivos de emerxencia situar a incidencia de forma precisa.

Ademais, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias alertou do sinistro a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Boiro e ao Grumir de Noia. Tamén se informou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

O ferido foi trasladado polos efectivos sanitarios ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

 

Un home ferido en Vilar de Barrio ao cortarse cunha motoserra

Unha home resultou ferido esta tarde en Vilar de Barrio ao cortarse nun brazo cunha motoserra. A vítima estaba a traballar na súa propia casa cando se produciron os feitos, polo que xa quedou descartado que se trate dun accidente laboral.

O suceso tivo lugar nunha propiedade de Porto, na parroquia das Maus. O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido ás 18:30 horas, a través da alerta de Urxencias Médicas.

O persoal da central de emerxencias do 112 informou ao GES de Laza, a Protección Civil e á Garda Civil.

Os efectivos sanitarios mobilizaron unha ambulancia ata o lugar do accidente para asistir a vítima.