Escuchar
mércores, 2 Decembro, 2020

Un incendio provoca danos estruturais nunha vivenda unifamiliar en Culleredo.

Os tres ocupantes do inmoble puxéronse a salvo ao saír con celeridade da casa e chamar ao 112 Galicia para pedir axuda.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, activouse un operativo formado polos Bombeiros de Arteixo e os axentes da Policía Local. Cómpre dicir que os efectivos de extinción do parque comarcal contaron co apoio dos compañeiros de Betanzos, que puxeron á súa disposición unha cisterna con auga extra para sufocar este incendio. Unhas tarefas que se prolongaron durante toda a mañanciña debido á alta carga térmica. 

Pasaban uns minutos das dúas desta madrugada cando o 112 Galicia recibiu as chamadas de alerta do dono da casa e dun veciño alarmado polo intensidade do lume, que afectaba ao primeiro andar da vivenda. Segundo sinalou o propietario do inmoble, posiblemente o lume comezou nunha estufa e estendeuse por toda a primeira planta ata provocar a caída do tellado. 

Deste xeito, os Bombeiros de Arteixo empregaron varias horas na completa extinción do incendio, que alcanzaron ás 8:30 horas deste mañá. 

Unha persoa sofre queimaduras por un lume na cociña
Ademais, o 112 Galicia rexistrou outro incendio pouco antes da medianoite no Porriño, no que foi necesaria a asistencia médica para a ocupante da vivenda, pois presentaba queimaduras nun brazo.

Segundo explicaron os Bombeiros do Baixo Miño, o lume empezou nunha tixola e rematou por afectar a varios mobles da cociña. Igualmente, o intenso fume inundou toda a vivenda.

Este operativo completouse cos axentes da Policía Local e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron á ferida ao PAC da vila. 

Cómpre sinalar que o incendio produciuse nun piso da Rúa Polígono de Torneiros.